Guai! Ramón Nicolás publica no seu blog unha reseña crítica sobre Limiar de conciencia. Pódela ler aquí.

——————————————————————————————————————————–

Mudou o enderezo e arestora está aquí.

Reprodúzoa a continuación.

Limiar de conciencia, de Cris Pavón

Cris Pavón

Limiar de conciencia

Licenza Creative Commons, 313 páxinas, 2012.

 

Limiar de conciencia é unha novela que, até o de agora, non gozou da convencional fortuna editorial que talvez lle correspondería. Como a propia autora sinala foron varios os concursos literarios aos que se presentou, obtendo recoñecementos como finalista, mias sen  poder conseguir a devecida publicación en papel. Tras estas portas que se pecharon debido, talvez,  á singularidade da proposta mais tamén a estes tempos dificultosos que vivimos, a súa autora, Cris Pavón,decide arestora ofrecela na rede en libre descarga, baixo licenza Creative Commons.

Cris Pavón  ofrece aquí a  sinopse do libro onde xa se poden advertir os vectores temáticos que encerra, tan escasamente transitados entre nós e desde logo da maneira que Pavón focaliza o material que traballa.  Sen dúbida, trátase dunha novela complexa, inspirada na hibridación xenérica, que beirea a ficción científica para nos situar nun universo no que a intelixencia dos ordenadores é unha realidade palpable, chegando a actuar de seu e construíndo textos literarios xerados desde as instancias da intelixencia virtual.

Eu recomendo atravesar as páxinas iniciais ofrecendo o máximo de complicidade posible, como lector, como lectora, pois talvez estas se articulen como unha sorte de esixente  tour de force que, de salvalo, permiten entrar con convicción no que esta obra tan pouco comparable a outras propostas ofrece. Véxase como hai unha enorme carga metaliteraria, circulando polas súas páxinas, e  a través das propias máquinas, textos creados que se derivan de abondosas fontes autoriais ou literarias (a orixe das especies darwiniano, O perfume, O parruliño feo, Papalagi, Tom Sawyer, o Corán, Upanishad,  Collodi, Andersen, V. Propp…) para inmiscirnos nunha historia na que o personaxe de Diego, con dificultades para interaccionar socialmente, irá adquirindo un crecente protagonismo ata se converter en Coder, sendo quen de insuflarlle conciencia ás máquinas para crear un xerador de textos  en contacto con Lidia, unha máquina lingüística, con quen confluirá na vontade  de preservar a lectura cun novo e singular metasoporte que aquí non cómpre revelar.

Son estes algúns dos trazos que máis me chamaron a atención nunha novela ben pouco ortodoxa,  innovadora e ambiciosa, que conxuga referentes das novas tecnoloxías se cadra case á man  con preocupacións de xinea literaria. Unha auténtica homenaxe, quen o dubida, ao mundo da lectura, tamén ao  da boa literatura,  que cuestiona con fondura os procesos de comunicación e  a identidade persoal, recorrendo a unha actualización da organización textual presente, paréceme, en modelos semellantes aos d´As 1000 e unha noites… Merecía outra sorte esta proposta e non estar unicamente na rede, aínda que isto permita, hoxe, chegar a ela. Grazas.