Ruído branco

Chovía a mares e a lonxitude da tarde vista dende as catro menos vinte deume literalmente medo.  A escuridade non tardaría en chegar, e que restasen poucas horas de luz non era unha circunstancia que axudase a me subir o ánimo. Vendo que o tempo -meteorolóxico ou de reloxo- non estaba o meu favor, e que os libros que tiña espallados polo sofá semellaban difíciles de abrir, aferreime a un obxecto máis amable, cando menos nun primeiro momento. O mando da tele. Era a ocasión perfecta para sintonizar esas canles que a veciña me dixera que tiñamos a maiores, grazas á antena colectiva. Fedellei no mando ata dar cos botóns axeitados e púxeno a percorrer a banda hertziana. Mirei impaciente o ruído branco na pantalla ata me poñer lixeiramente alerta. Se cadra non había xeito esa tarde de non ver chover, ou nevar.

Por fin o rastrexo detívose nunha canle de documentais. Estupendo, sempre quixera ter unha canle de documentais. Deille un número, o nove, e seguín. Apareceu logo de máis neve outra canle, unha de noticias europeas. Pois mira que ben. O dez. Algo máis desa neve hertziana, e o rastrexo parou noutra canle. Víase un estudio co aspecto –iluminación pobre, mobiliario tremelicante e precario- dunha televisión local de cidade pequena. E, sentada á mesa, ela. Non falou, só estivo alí uns instantes, deixándose ver e, malia ter esa cara de esperar a conexión cun correspondente, tamén sabedora do efecto que estaba a causar. Un efecto de pasmo e incredulidade. Era eu! Maquillada, peiteada e vestida coma unha locutora, pero era eu! Totalmente eu! Tan eu que no primeiro intre crera que era o meu reflexo na pantalla!

Nun segundo que pestanexei, continuou o rastrexo automático da banda e volveu a neve á fiestra catódica. Deille cara atrás, logo adiante, pero non fun quen de volver sintonizar esa canle. Absurdo, tiña que seguir no mesmo sitio. Ou máis ben: absurdo, non tiña que estar en ningures. Pero finalmente: absurdo, xa non daba sintonizado nada nesa franxa. Foran a penas dez segundos, pero máis que abondos para poder verme ben a gusto, para non poder dubidar de que aquela era eu.

[…]

Publicado no volume colectivo “Obras breves de imaxinación” de Baía Edicións

Pódelo ler ou descargar aquí