Sangue 12 en Lecturafilia

En Lecturafilia publican outra reseña de Sangue 12. Obrigada!

Reproduzo aquí o texto de Tensy Gesteira.

”      “Sangue 12”, unha historia vampírica e feminista

Non hai nada máis atraínte para min que atoparme con historias que se presentan como raras, xa que iso simboliza que vou atopar algo diferente e case sempre, unha forma de literatura novidosa.  A orixinalidade no tema e no seu tratamento é a característica que máis destaca en Sangue 12, novela coa que a coruñesa Cris Pavón se inicia na literatura.

Nesta novela mestúrase o real co onírico e os séculos XIX e XXI, onde se nos conta unha historia vampírica que non é a mítica de Crepúsculo, senón que nos leva á reflexión sobre a propia identidade.

Nela atopamos a unha rapaza adolescente, sempre pendente do móbil, que se atopa un día con outra moza de aspecto estraño e anacrónico nun autobús nun día rutineiro. Cunha narración en primeira persoa, irémonos somerxendo nos pensamentos máis íntimos desta moza que busca a súa forma de ser nun mundo tan complexo coma o de hoxe en día. Mais, a aparente calma que ela vive co seu teléfono virase interrompida pola adrenalina que lle produce estar preto da rapaza misteriosa do autobús. E, pouco a pouco, iremos coñecendo unha historia de trazos vampíricos, pero cun ingrediente orixinal: a presenza da reflexión sobre o papel de ser muller en dous tempos diferentes, o mundo da tecnoloxía e a eclosión da soidade, e mesmo as desvantaxes de medrar e deixar a infancia atrás.

A verdade é que é esta unha historia que ben podería interesar a todas as persoas que leron a saga Crepúsculo e derivados, e debería ser de lectura obrigada nos institutos, pois fomenta o debate sobre a propia persoa e as súas formas de ver o mundo.

Así mesmo, Cris Pavón practica un exercicio moi interesante, ao combinar á perfección o mundo real co fantástico, de xeito que vemos todo o que acontece como normal, ata o feito de que dúas mentes se poidan conectar entre si. E non hai que esquecer outro dos puntos fortes do libro que temos entre mans: o debate sobre a liberdade amorosa, e o dereito a querer sen límites, independentemente do sexo.

Indagando máis alá, Sangue 12 podería verse coma unha homenaxe ao Frankenstein de Mary Shelley e a esas historias de vampiros do século XIX, que nos levarían directamente a unha inspiración que ten os seus cimentos na lectura das grandes obras clásicas. E senón, véxanse os fragmentos do diario da muller misteriosa nos que recoñece que un dos seus maiores gozos é o sangue e a lectura:

“Lin moitísimo esta tempada, gozo da lectura máis que de ningunha outra cousa. Case. A noite pasada, cando quería rematar Orgullo e prexuízo e os ollos se me pechaban, saín fóra da casa. A noite era espléndida, nidia. Fun silandeira ao galiñeiro da casa veciña, collín un pito xa grandiño e sacieime. Logo tranquilamente volvinme deitar e rematei o libro. A letra con sangue entra, ha, ha, ha”.

No parágrafo anterior non nos pasa desapercibido ese humor intelixente que impregna toda a novela e que nos fai botar unhas cantas gargalladas, iso si, sen quitarlle nin unha miga de seriedade ao asunto.”