A estratexia da samesuga.

Dende os albores da mediciña ata o século XIX, un remedio universal para os moi variados males que un enfermo podía padecer era unha sangría. Se o doente tiña ‘plétora’, sangrábano. Se tiña dispepsia, sangrábano tamén. Se non conciliaba o sono, sangría habemus, e se non se sabía o que tiña –cousa frecuente– sangrábano, que mal non lle ía facer. Ao cabo a xente ten o malo costume de morrer, logo tampouco era cuestión de botarlle a culpa de todo aos médicos e os seus remedios.

As técnicas da sangría variaron dende o pequeno corte en certas veas ata a aplicación de samesugas, e tanto se estendeu esta última práctica –malia non se ver  acompañada de bos resultados para a saúde–que da ganas de pensar que estes bechos interviñeron dalgún xeito inexplicable na súa promoción. Se cadra haille que botar moita imaxinación, desa que chaman febril, para artellar unha explicación convincente na que un parasito consegue impoñer os seus intereses publicitándose como cura de innúmeros males… ou non tanta, pois semella que iso mesmo fan arestora análogas samesugas para resolver o mal do noso tempo e lugar, a crise económica (e social e política) que leva anos connosco.

A economía non é unha ciencia exacta, din. Tampouco o é a medicina, pero a práctica indiscriminada da sangría abandonouse e limítase xa a uns poucos e concretos casos. Mais nestes países europeos semella que estamos nos albores da economía como ciencia, senón non se explica que, ano tras ano dende a crise iniciada no 2008, padezamos o mesmo ‘remedio’ para o mal que non fai máis ca empeorar con el: recortar, sangrar, axustar, sangrar, espremer, sangrar.

Cal foi a diagnose do problema por parte de doutas institucións e organismos relevantes, a diagnose que deu como consecuencia esa ‘solución’?

    • Falta de control nos mercados financeiros, que levou a prácticas de moito risco que puñan en perigo o sistema? De ser así, cal sería a solución? Impoñer –de novo– regulacións que xa existiran e se eliminaran para un mellor chuchar das samesugas? Pois non. Ou igual si, pero logo. Antes de nada, o primeiriño, sangrar.
    • É unha crise cíclica, propia do sistema capitalista, que cada certo tempo xera tsunamis que cambalean os seus alicerces? Pode que si, é unha pregunta moi ampla e a resposta, buff, ten que ser diferida, así que no entanto, medida básica: sangrar, non vaian pensar que non sabes de economía.
    • É un resultado das políticas fiscais que eximen aos pletóricos das sangrías que –eles si– tanto precisan? Anatema. Herexía. Vas a Merkel e a Lagarde! Pero antes, voute sangrar un pouco.
    • Ou, xa sen disimulos, que importa a diagnose se xa temos o remedio? Sangraaarr, Sangraaarr, Sangraaarr (canta King Samesuga)

Aquí haiche moito déficit!

Sangraaarr!

Dispárase a prima de risco!

Sangraaarr!

Hai uns furados nos bancos que da vertixe miralos!

Vale, aquí inxectar, pero para inxectar aquí haberá que quitalo de algures, non? Pois claro, que xa tardaba:

Sangraaarr! Sangraaarr ata estouraaarrr!

E claro, esto ben se entende dende a óptica dunha samesuga conxurada coas súas conxéneres para espallarse todo o que poidan sen lembrar, na súa orxía sangrante, que todo parasito que se propase está a poñer en risco a súa supervivencia.

O que non se entende é que os parasitados se deixen facer de tal xeito. Que abandono aos ditames dos gobernos! Que resignación ante os designios dos Comités Samesugos! Si, eles son expertos e saben como inmobilizar ás vítimas para que o seu labor extractivo non se vexa interrompido por inoportunas sacudidas, mais secasí, custa comprender tanta pasividade.

Non será que algunhas samesugas teñen mutado e son xa bechos semellantes á Babosa Cerebral de Futurama, samesugas aloxadas nos cerebros onde chuchan, amais de sangue, o sentido común, ceibando nos parasitados un único pensamento:  “É o que hai” ? Non. Non só iso. Tamén fan tradución simultánea de verbas incómodas e substitúen estafa, roubo, abuso, imposición, corrupción, por outras como redimensión, axuste, optimización, xustiza, democratización. Son moi completas, estas samesugas poliformes.

(Imaxe en proceso)

Categorías: bestiario