Son unha voz máis a sumarse ás moitas que celebran a resolución do TSXG sobre o recurso presentado pola CIGA, a Mesa de Normalización Lingüística e a Plataforma Queremos Galego contra o Decretazo 79/2010 de Plurilingüismo da Xunta.

No texto da resolución fálase de “abdicación“ da Xunta verbo das súas responsabilidades lingüísticas. O sentido común, aínda que abandone a tantos políticos, aínda fica con moitos maxistrados. Ou tamén, Pódese dicir máis alto, pero non máis ancho (en Era visto‘s style).

Motivos para a existencia da comunidade autónoma galega, tal e como é, pódense enumerar varios e distintos. Pero alguén se atreve a negar que calquera lista deles empezará sempre coa lingua como motivo primeiro, argumento básico?

Un presidente da comunidade que abdica de mirar polo alicerce esencial desta, que impulsa medidas ilegais -como a consulta aos pais de escolares sobre o idioma a empregar- é un exemplo sangrante de falta de coherencia. Xa postos, abdique de todo.

E amais, está tan sobrado de recursos un ensino que non cubre as baixas dos profesores ata logo de 10 días lectivos de ausencia (15 días naturais), para permitirse manter enquisas que por lei non poderán ser vinculantes, só para “sostenella y no enmendalla“?

Fragmento da resolución, tomado da web da CIGA:

Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”, sinala o TSXG.

 

Categories: actualidade