Marcha Jennifer

Marcha Jennifer. A Perth, Australia. Esta mesma tarde. Arestora estará no avión camiño á primeira escala da longa viaxe. Foi unha decisión doada, pois logo dun ano de traballar na empresa X viu que -contra todo o prometido e asinado- as condicións non ían mellorar. X é unha empresa cunha ducia de empregadxs na que, sen traballar de cara ao público, o xefe esixe unha vestimenta axeitada ao seu criterio sexista. Na que se ficha para entrar, pero non para saír, e na que se sae tres, catro, n horas máis tarde do horario acordado e retribuído. Sempre, decote. Ao principio porque hai que aprender, afacerse ao posto, malia non ser unha novata. Logo porque hai que adestrar aos novos, e novos sempre hai, a rotación na empresa é moi alta. Normal. Quen pode lisca axiña dun sitio onde as xornadas reais rebordan as doce horas e onde, aínda por riba, non lle recoñecen as iniciativas e as aportacións. Non é que as desboten, non, xa se llas apropia o xefe. O ex-xefe, vaia. Que feliz Jennifer de poder chamalo así.

E Jennifer era mileurista. Xa tiña que estar mal a cousa para que unha mileurista abandone un posto de traballo, verdade? Que soberbia! Non tal. Jennifer, das moitas solicitudes que enviou, tivo en reposta unha oferta que non puido rexeitar. Aos seus 26 anos, graduada, con case tres de experiencia laboral, catro idiomas, talento e consciencia da súa valía, prefire marchar un ano ás antípodas que aturar un mes máis cun deses empresarios modélicos inspiradores da reforma laboral, que abusa dos empregados na confianza de que hai moreas de xente esperando un oco nesa ou noutra empresa similar.

Así que, claro, Jennifer marcha. Boa estadía, ben a mereces!