Hoxe Ana Bande (@bande2025.bsky.social) defendeu na U. de Vigo a súa tese sobre Rosa Chacel. E foi emocionante. Foi moito máis (e non era pouco) que reivindicar a literatura desa inmensa escritora.

Amosounos a súa dimensión internacional, a xenerosidade das redes de amizades que a sustentaron no exilio, as dificultades da creación e a publicación da súa obra, a independencia do seu pensamento, a falta de fundamento para esa sona que acadou – que lle deron – de persoa amargada.

E iso feito a través das testemuñas epistolares doutras catro mulleres – Concha de Albornoz, Esperanza Almonacid, Celia de Diego, Fernanda Monasterio -, de grande interese por elas mesmas, escolmadas entre que sei eu que inxente cantidade de documentación. O coñecemento de Ana – que atravesa a historia, a política, a filosofía – para aproveitar e contextualizar esas cartas das amigas teceu un sólido pano. E xestionou, punto crucial, a ausencia de cartas de resposta de Chacel. Sobre ese oco negro comezou Ana a pescudar na súa tese. E construíu algo que foi alén de unir os fragmentos das biografías desas mulleres, que foi pór en valor a carta como ‘xesto epistolar’: un agarimo, unha aperta, un falemos do que sexa, un estou aquí malia a distancia e a demora, un non perdamos o contacto… algo que ela contou moito mellor :)

Toda a documentación destilada e presentada en artigos – xa publicados en diversas revistas académicas – é dunha calidade que fai da súa lectura un pracer. E espero que podamos unha versión en ensaio publicada axiña! Grazas Ana! Grazas Rosa!

Categorías: actualidade