Andar, facer, falar.
Falar.
Chegamos ao punto que nos fixo humanas, polo que nos consideramos por riba de todo becho vivente, e que ten orixes aínda ben escuras. Entre as teorías e ocorrencias que tratan de explicalo atopei unha ben interesante. Un posible epílogo de ‘Eva e Lucy’, que non chegou a ser tal.
O lingüista Derek Bickerton, na súa obra Adam’s tongue (2009) propón unha teoría da aparición da linguaxe baseada no nicho ecolóxico, e que subliña a capacidade simbólica como ‘detonante’ da linguaxe.
Hai máis de 2 millóns de anos homo habilis habitan territorios reducidos, forman pequenos grupos e aliméntanse como preeiros apañadores, ou preeiros de última fila, co aproveitamento da medula dos ósos abandonados polos preeiros de primeira liña, abríndoos coas súas ferramentas de pedra.
Hai un 1,5 millón de anos, homo erectus desenvolven unha alimentación de preeiro de primeira liña de grandes herbívoros, en grandes extensións de superficie e con grupos extensos e espallados, necesitados de comunicación.
(Isto obsérvase nas marcas dos ósos de animais varios. Nas máis antigas vese que os primeiros en acceder á carne eran grandes predadores e despois deles ían os humanos cos seus bifaces de sílex. Porén nas máis recentes vese que son os humanos os primeiros en acceder, son preeiros activos. Aínda non cazaban grandes presas, non eran quen).
A contorna biolóxica dos antigos humanos mudou, e pasaron de ser buscadores e apañadores, a ser preeiros activos, de enfrontamento. Segundo Bickerton, foi a aparición dunha linguaxe rudimentaria, unha protolinguaxe, a que posibilitou este cambio de nicho (*). Esta protolinguaxe tería só contido semántico, sen sintaxe, para fornecer indicacións concretas aos compañeiros sobre fontes de alimentos que non están non aquí-agora. E iniciar así a capacidade simbólica. É unha protolinguaxe cunha función clara de recrutamento, pois son precisos moitos individuos para, primeiro, abrir a dura pel de grandes animais xa mortos, e logo cortala e apañala axiña, mentres manteñen a raia a outros preeiros que queren a súa tallada. E incrementa así a vinculación social.
Se cadra o máis salientable da súa teoría é que aporta algo do que moitas outras carecen: unha xustificación evolutiva. Sinala o valor adaptativo que ten a aparición da protolinguaxe, as vantaxes que proporciona para a supervivencia.
Incide tamén en que a linguaxe humana non evolucionou a partir do sistema de chamadas dos animais (algo que os humanos seguimos a ter, e que é diferente). Na protolinguaxe hai ‘desprazamento’, dáse información sobre algo que non está presente, fóra do aquí e o agora. É a semente do simbolismo.
Pero o que é a linguaxe humana, coa súa produtividade baseada en mecanismos recursivos, e articulacións de máis dun nivel, dende o fonético ao morfolóxico e ao sintáctico (e máis aló, no discurso e narración), iso é moi recente, pode que tanto como homo sapiens.
Quen teña interese no tema pode consultar, amais do texto orixinal, a exhaustiva recensión feita por José Angel García Landa. E tamén o estupendo libro de Xurxo Mariño El misterio de la mente simbólica.
(*) O nicho que fai necesario o desenvolvemento da linguaxe require:
“unha presión selectiva a favor da transmisión de información sobre fontes de alimento que se atopen máis aló do alcance sensorial dos receptores da mensaxe. Así que o que precisamos buscar, na ampla gama de especies da terra, son as que teñen nichos que requiren este tipo de intercambio de información. Se a información que se transfire resulta que se refiere a fontes de alimento demasiado grandes para que as manexen os individuos, requiririndo así algún tipo de estratexia de recrutamento, pois tanto mellor.” (Adam’s tongue)