A Cristina Pavón préstalle afondar no que nos fai máis humanos. Percíbese en obras anteriores e tamén nos relatos que conforman este volume premiado no certame Ricardo Carballo Calero de 2014. A linguaxe, os novos emprazamentos nos que nos sitúa a integración da tecnoloxía nas nosas vidas, a memoria e o tempo constitúen os vimbios que sosteñen as identidades. Ata aquí pouco de novidoso no que a temas se refire, sen que isto supoña ningún tipo de menoscabo. A orixinalidade vén do enfoque. Incorpórase o discurso da ciencia ao filosófico e estritamente literario na análise do “eu”. O individuo convértese en obxecto de estudo para a neurociencia e a intelixencia computacional, mentres o narrador se apropia por veces desta perspectiva analítica. Mais o curioso e formidable é que a complexidade do que se observa, o humano, fai que nunca perda a alma. Perdura unha parte que non se deixa apreixar, en boa parte porque muda, é maleable a causa do tempo. Se cadra este é o motivo polo que a súa produción non se pode encadrar nidiamente dentro dos marcos da ficción científica, malia que abeire certo ton ensaístico.

Volvamos á memoria, tema fundamental de todos os relatos nas súas múltiples variantes. A memoria como ponte coa infancia e as súas experiencias traumáticas, a memoria domesticada con pastillas que aparece en “Sara e os años”, a reconfiguración do mundo á que obriga o Alzheimer en “Culler culler culler” que abre a pregunta de se a falta de linguaxe e memoria merma o que hai de humano nas persoas, a memoria como garante da especie e, sobre todo, a memoria como ficción e como construtora da identidade. Son precisamente os relatos que abren e pechan o libro os máis interesantes neste aspecto. Os “eu” que reconstrúe a memoria de ambos os dous relatos inteactúan coa obra de escritores consagrados; Borges, Darwin, Cunqueiro e, nomeadamente Proust. A nudez da intimidade convertida en espectáculo radicalízase coa posibilidade de viaxar a través dos recordos que ofrece o Memory Park. A experiencia lúdica vóltase adicción e esta angustia cando se constata que as lembranzas máis queridas nin sequera son ficcións estables. É o prezo que ten que pagar a protagonista, “auténtica ionqui do egotrip” (p. 26), muller como o resto de personaxes principais que, por mor da súa identidade de xénero, ven como a suma imposta desde fóra do “eu” aumenta considerablemente. Só unha tacha facilmente subsanable a unha obra sorprendente e ben feita. Cóanse por veces expresións lingüísticas un tanto chocantes por interferencia do castelán.

Inma Otero Varela.

Publicado no xornal “Novas do Eixo Atlántico”