A plataforma de crítica literaria A Sega publica hoxe unha reseña de María Reimóndez arredor da miña novela Sangue 12 intitulada ‘O doce abxecto’, que podes ler nesta ligazón. Reprodúzoa a continuación, feliz de que me saiban ler.
O doce abxecto
“Woman, as a sign of difference, is monstrous”
Rosi Braidotti, “Mothers, Monsters and Machines”
“A free woman in an unfree society will be a monster”
Angela Carter, The Sadeian Woman
Tomo as dúas citas introdutorias para esta recensión do excelente artigo “Of Aliens, Monsters and Vampires: Speculative Fantasy’s Strategies of Dissent”, de Belén Martín Lucas porque creo que ben serven para contextualizar a novela Sangue 12 de Cris Pavón. Esta contextualización fáiseme necesaria porque, deliñando o seu argumento de vampira adolescente (ben, as vampiras non teñen idade pero así se entende no texto) namorada podería ser que alguén se confundise con certas versións recentes desta temática coas que a novela de Pavón nada ten que ver. Malia a moda de películas, series, libros e demais parafernalia que nos invadiu en época recente, a novela de Pavón nace, ao meu ver, dunha outra xinealoxía, unha moito máis antiga e sen dúbida evidentemente antiheteropatriarcal.
É ben certo que as narrativas vampíricas renacen das súas cinsas de forma pendular co atractivo que estes personaxes tan terroríficos como atraentes suscitan non só nas mentes adolescentes, pero rara vez as lecturas máis habituais desa lenda pasan do agardado, do previsible, da sedución heteropatriarcal do vampiro poderoso e as vampiras… ben, vampiras.
Eles coa capacidade de dar a vida eterna, elas coa maldade innata de calquera muller, incapaces de sentir amor, compromiso, coidado, todas eses atributos femininos do patriarcado. Mais no fondo, e de aí a intelixencia fina e irrefutable de Pavón, a lectura patriarcal do vampiro deixa fóra o seu potencial de subversión, un potencial que, por certo, levan explorando as autoras feministas e lesbianas, sobre todo as racializadas, xa un tempo moi longo noutras latitudes (por desgraza, con pouca visibilidade1).
O primeiro vínculo de Sangue 12 con estoutra xinealoxía á que me refiro ten que ver con poñer de manifesto dende o irónico e dende a destreza narrativa máis absoluta, a –non podo dicilo doutra maneira- estupidez do mito do vampiro patriarcal. Non se entende, senón, por que habendo sangue a esgalla, sangue que flúe cada mes, os vampiros teñen que pasar polo molesto proceso de chuchar e matar a vítima tras vítima nun aburrido ronsel de morte e destrución. O texto de Pavón é moito máis amplo ca iso, pero ao meu entender nace desta chiscadela ao aburrimento das narrativas patriarcais e, si, tamén, á súa estupidez.
Porque nesta historia de vampirismo flúe tamén a negación a aceptar a narrativa heteropatriarcal do propio corpo, a da marca imborrable da regra como inicio da vida adulta, a do desexo heterosexual, a do esluír permanente da historia das mulleres (por exemplo grazas á referencia ao amor entre a protagonista e Ada Lovelace). Todos estes aspectos nárranse dende unha escrita que flúe coma o sangue, con naturalidade entre os diálogos e os recordos, entre a incerteza do engano inicial, da reticencia da protagonista ao amor ata a entrega ao descoñecido. Hai na novela unha interesante evolución dunha personaxe única, autónoma e inicialmente distante. Mais o sangue…o sangue pódeo todo.
É nese lugar, nese material viscoso e concreto, onde a novela racha con todas as convencións do vampírico. Regresa con Kristeva ao abxecto. O abxecto, aquilo que nos provoca noxo, como o sangue menstrual lle provoca ao patriarcado, marca a ruptura dos significados adquiridos, unha ameaza aos valores dominantes. É así que a mera idea de que unha vampira poida atopar o sangue menstrual coma o maior manxar resulta non só novidosa senón fondamente política.
Nesta política doce, o corpo feminino, o corpo neste caso da moza adolescente, adquire novos significados. Convértese en lugar de gozo, racha coa narrativa da vergoña e amósase en todo o seu esplendor.
Ese esplendor mordaz e paixonal contrasta de forma directa coa vergoña que se nos inculca ás mulleres con respecto á menstruación. Hai aínda moitas mozas e mulleres que non queren usar tampax, e xa non digamos unha copa menstrual, por entrar en contacto co seu propio corpo, por tocar o seu propio sangue. A construción cultural do abxecto ten implicacións políticas claras. Para as mulleres, o descoñecemento do corpo é tamén o descoñecemento do pracer, e polo tanto, o descoñecemento da posibilidade dunha sexualidade autónoma e non suxeita aos designios heteropatriarcais.
O heteropatriarcado comeza por desafiuzarnos do noso corpo, por facernos entender ás mulleres mesmo dende esa experiencia básica, que non encaixamos, que somos as monstras, as abxectas. Só desta maneira se entenden os debuxos recorrentes do “corpo humano” sempre masculino, o mal chamado “masculino xenérico” da linguaxe sexista, a delimitación das mulleres nos estudos médicos sempre como a excepción a unha suposta (ironías á parte) regra. Sangue 12 fala de todo isto e máis, coa escrita non de quen é quen de reescribir un xénero senón de devolvelo ao rego transgresor do que naceu fronte a visións hexemónicas e edulcoradas, patriarcais e retrógradas da máis pura cooptación.
O motivo vampírico e doutras monstras resulta unha narrativa, pois, vizosa, para analizar o abxecto e as fendas das ideoloxías dominantes que Pavón utiliza á perfección. Ademais, neste caso, o que se conta resulta tan intrigante, atractivo e engaiolante que unha non ten máis posibilidade que renderse ante o evidente. O abxecto é doce, a subversión é deliciosa, a transgresión é pracer.
María Reimóndez