Modesto_Figueiredo

Clara do Roxo, David Otero, eu e Rubén Anido.

Hoxe, en Maside, tivo lugar a entrega dos premios do XXXIX Certame Nacional de Narracións Modesto R. Figueiredo. David Otero, secretario do padroado, pediume que falase brevemente no nome dos premiados e premiadas e eu, máis ou menos, dixen o seguinte, na confianza de que as miñas palabras puideran ser subscritas polos meus compañeiros Clara do Roxo e Rubén Anido.

Malia os problemas que vivimos, neste tempo de involución en que tantos dereitos lle son arrebatados á cidadanía, sei que non é esta unha ocasión para laiarse e debullar un rosario de aldraxes e abusos, porque sendo tempos, no público, de tan escasos motivos para a celebración, non se pode desaproveitar a oportunidade cando se presenta.

 E que podemos logo celebrar?

Pois que, aínda que o eido da cultura pase por momentos difíciles, existe a fundación Padroado do Pedrón de Ouro e segue a facer o labor polo que lle estamos moi agradecidos escritoras e escritores seleccionados, así como os lectores e lectoras que gozan dos seus textos.

E podémonos gabar tamén que, aínda que se reduzan as axudas, non xa a edición, senón mesmo á compra de libros de texto escolares, haxa editoriais como Toxosoutos, que ven realizando, logo de Edicións do Castro, a publicación dos textos seleccionados neste certame.

E temos que celebrar tamén que a lingua de noso, malia sufrir ataques dende o propio goberno autonómico, é defendida polos seus falantes, e tamén os tribunais, e moitos grupos e entidades como este concello de Maside. Sabemos ben que a meirande contribución que lle se pode facer á lingua é falala, lela, usala e, por suposto, aprenderlla aos cativos. Celebremos entón a nosa cultura, que ten como sinal de identidade senlleira a lingua.

A cultura e o coñecemento son, diría eu, a versión laica do espírito. É a información que compartimos cos grupos aos que pertencemos, crea as ligazóns que dan sentido á vida, é o que nos fai primeiro humanos, e logo cidadáns. A cultura é o que forma unha conciencia crítica, e tamén o que nos proporciona un dos grandes goces que se poden ter na vida, a experiencia de comprender o que nos rodea, de que unha película, unha peza musical, un texto, unha fórmula, deite luz sobre o que somos, individual e colectivamente.

Dicía Emiliano Aguirre, eminente paleontólogo ferrolán, iniciador do proxecto de Atapuerca: o coñecemento é o único ben que non mingua ao compartilo con outros senón que pola contra, medra. Mais, digo eu, para que se produza esa ‘máxica’ multiplicación, precísanse soportes e recursos.

Xa que logo, compartamos o coñecemento para que medre, celebremos a cultura, as letras e as ciencias, cooperemos na súa difusión en todas as formas que teñamos ao noso alcance. E esixamos tamén que se lle dote de recursos suficientes, pois non hai investimento máis rendíbel para unha comunidade ca a educación, e non pode ser que para os bancos haxa tantisimo e para os pupitres cada vez menos.

http://www.laregion.es/noticia/273240/cristina/pavon/recibe/maside/premio/narrativa/breve/

Categorías: premio