Xa non teño ese sofá onde unha vez falamos de literatura entre outras cousas. Ti levaches alí a conversa e eu conteiche da miña invención da autoficción, da que estaba tan satisfeita até que souben que xa fora inventada, e seguramente varias veces, polo que a abandonei a piques de empezar. Ti retrucaches que podería ter chegado a escribir Pierre Menard, autor del Quijote e rimos. Algunha gabanza dixen del e dos relatos de Borges en xeral e ti preguntaches se me gustaba a súa poesía, e dixen que non moito, a pouca que tiña lido, e que por iso non lera máis. A ti si, notábase, e para explicar a miña negativa eu aventurei que os poemas non me acabaran de convencer polos seus temas filosóficos, a súa erudición, esa concisión tallada con verbas, o seu enxeño… de feito por todas as cousas que admiraba nos seus relatos.
(faltoume engadir, e fágoo agora, ao reler isto, que o que máis me disgustaba era o seu xeito de truncar as frases sen compaixón para axustarse á medida do verso, ‘desfeita’ aparentemente xustificada coa rima, e coa que o verso perdía a limpeza e fluidez, ás veces arabesca, da súa prosa)
E no sofá novo, hai un intre ía facer iso mesmo co que defendera á obra de Borges ao ti lle apoñer a súa brevidade (da que el mesmo se gababa): relela. E ao abrir Ficciones onde deixara hai tempo un kleenex marcador (limpo :) foi a Pierre Menard a quen atopei, e deixeino esperando un pouco máis mentres anotaba isto.
E raño nas lembranzas desa charla que tivemos e que tan ben me soubo polo teu interese en preguntar e pola miña grande falta -entón decateime- de charlas sobre libros dende había moito. Moitisimo. E decátome agora do que boto en falta as charlas contigo, de libros ou do que sexa. Así que me vou deixar de leiras e chamarte agora mesmo en canto lle dea aquí o botón de Publicar.
Weno, polo menos mandei un guasap. Merde.