Publicada en letraenobras outra entrega do Bestiario, que reproduzo a continuación. Para que non morra o conto neste blogue.

Mitocondrias.

O microbio acordou feliz. O sono fora reparador e trouxéralle un recendo sen determinar, coma unha novidade coñecida… non sabía como chamar a esa sensación, nova non era, pero si case esquecida… unha tecla pulsada nun harmonio remoto. Vaites, acordara case lírico! Tan era así que no canto de poñerse a menear o protoplasma e buscar de comer ficou pasmado un longo intre, tamborilando cos cilios á espera de que aboiase algunha lembranza máis nidia do soño.

A lembranza resistíase, pero o sabor que tinguía os seus pensamentos non o abandonaba, e o sentimento, que lle quentaría o corazón se o tiver, fíxolle discorrer deste xeito:

 – A vida somos nós, humildes microbios. Máis ca humildes, humillados, porque nós –malia o precario do noso sistema de relación co exterior, sen un mal ganglio do que presumir– temos ben clara a nosa importancia: non só somos vida, senón que somos a orixe da vida, os que fixemos posíbeis outras formas máis complexas e grandes, incluídas as que arestora pretenden esmagarnos.

Somos vida e merecemos respecto. Os pasos verdadeiramente grandes na historia foron dados por nós. Connosco probáronse os mecanismos bioquímicos que empregaron logo todos os organismos pluricelulares. Si, a maioría fíxase no vistoso dos bechos e plantas, os seus deseños espectaculares, as súas estratexias adaptativas… e esquece o noso esencial traballo de base. Mais todo grande organismo está feito de células especializadas das que as bacterias somos antecesoras, aínda que algúns coa súa fachenda mamífera ou o seu pedrigee reptiliano o queiran esquecer.

Non son nada sen nós, pero permitimos e aturamos as súas desfeitas até chegarmos ao punto no que pretenden fumigaren e esterilizaren todo o que sexa disonante! Que todo o que non se mova ao seu favor sexa inmobilizado, prohibido! E si, poden acabar con moreas de nós dunha tacada, exterminarmos con penicilazos copagados. e iso facerlles crer que dominan a situación, cando se algo ten ensinado a evolución é que as situacións son cambiantes. E que os cambios non sempre se producen por ínfimas variacións do xenoma seleccionadas e pasadas á seguinte xeración, non. Ás veces hai r-evolucións, simbioses e alianzas que cambian o escenario radicalmente! A quen cren que van facer calar? A nós, que somos da estirpe das mitocondrias?

Ahá, as mitocondrias! Fora iso co que soñara, con eses lendarios devanceiros, as mitocondrias e os cloroplastos primixenios, bacterias arroutadas que abandonaran a súa individualidade para crearen algo novo! E grande! De aí víñalles ese pulo ancestral, esa enerxía mítica, da mito-condria, a mito-condria, repetiuse a si mesmo, ledo co chiste, recreándose naquel momento épico de simbiose, de sinerxia, de mutuo apoio entre diferentes… até que se interrompeu e berrou indignado:

 – Se nolo debedes todo, cabróns, se respirades grazas a nos! E nós, igual que fixemos posíbeis todo tipo de bechos incluídos certos primates prepotentes, podemos tamén combinarnos de xeito diferente e dar pé, alas, a outros organismos que non actúen coma se non houber máis seres vivos ca eles na terra. As mesmas leis que puxeron en marcha a vida e vos fixeron posíbeis poden destruírvos, esas mesmas leis, sen necesidade de meteoritos impactantes ou raios gamma xusticeiros, que tamén. A vida empezou connosco, e cando tanto mamífero chuchón desapareza, nos seguiremos aquí!

 E así, cheo de orgullo microbiano, arrincouse a cantar unha panxoliña:

–Arriba microbios do mundo, en pé patóxena lexión…!