Se en troques da Cidade da Cultura, Fraga, ben aconsellado e sen falsas modestias, dera en facer como monumento á si mesmo unha grande escultura en escarpadas rochas, a imitación das do granítico Monte Rushmore, que non teriamos aforrado!
O problema, se cadra, sería atoparlle un enclave axeitado. O Pico Sacro está na órbita compostelá, e podería ser un dos primeiros sitios nos que se pensara, pero eu no primeiro intre pensei n’O Porriño -e mira que os quero ben-, xa que foi ao pasar por alí hai uns días e ver as canteiras cando me veu aos miolos a idea.
E non sería unha mala localización, tráfico hai abondo para satisfacer un ego ansioso de asegurar a memoria póstuma, moito máis que no Gaiás. Seica a algúns veciños magoaríalles a retina ter que ver esa faciana esculpida en grandísimo formato, pero igual era preferible unha leve molestia ocular desa minoría -que tería o máis fondo recoñecemento da sufrida cidadanía- á ter ás costas o dispendio arquitectónico da Cidade Pantasma.
A min gustoume imaxinar esa faciana alí tallada, que podería ir seguida doutras, ou ben quedar rematada a modo de Esfinxe para deixar ás claras o espírito faraónico do proxecto e tamén evitar o ‘culo veo culo quiero’ e non meterse en máis gastos. Gustoume, digo, sabendo que iso nos tería aforrado os máis de 300 millóns de euros gastados -investir é un verbo insultante nese contexto-, máis o mantemento anual que reborda os 4,5 millóns e a indecíbel indemnización pola paralización do complexo. Os custos de mantemento da escultura serían infinitamente menores, e mesmo inexistentes, pois se podería deixar a tarefa ao cargo dos axentes atmosféricos, a carriza e os liques, que xa o irían aquelando.