8

A vida cámbiame moito por aquel tempo. Para empezar, vivir soa outra vez. Cara a fóra non hai moita cousa que me interese, xa andara demasiado nesa dirección múltiple e cambiante, máis do que o meu carácter me pedía. E xa que o de fóra ía do inhóspito ao insulso, acubillarme nese proxecto. E ler ler ler. E teclear.

Perderlle o medo a escribir, esa tarefa composta de matinar, teclear, reler, corrixir, desbotar, investigar. Buscar o tempo onde sexa -as pequenas vacacións, as longas vacacións- para internarme naquela construción que por fin me decidira a facer. E sen saber ben onde me vai levar.

Cultivar a constancia, fráxil fror que atopa por fin o ambiente que sempre lle faltou comigo.

Ler sobre lingüística, procesamento automático da linguaxe, sicoloxía cognitiva, neurociencias, Asperger,  intelixencia artificial… Escribo bastante pero desboto moito máis. Estou a aprender, e teño como consolo que se non dou feito a novela, cando menos terei aprendido algo sobre temas que sempre me interesaron moito.

Empezo a coller algo de medo ao de ler, non exactamente -ler é algo tan substancial para min- pero teño que pórlle límites porque hai tanta cousa sobre a que documentarse que corro o risco de que a escrita se demore demasiado… que non remate nunca… E iso si que non!