Resistente Pasivo.
Ferocísima animalia que, malia a súa aparente conduta apracíbel, é quen de facer moito dano aos seus depredadores.
O seu hábitat é urbán e rural, se ben do rural cada vez temos menos novas e todos os indicios apuntan a que esa poboación está en franca diminución.
En situacións de conflito o individuo adoita agruparse e emitir sons articulados cos que intenta facer valer o seu dereito territorial.
Unha das súas máis salientables características e que, na súa teima por permanecer nun espazo en pugna con outra especie, deitase no chan con extrema violencia e contumacia, obrigando mesmo a que mallen nel e, como iso non está ben visto, a que o sancionen logo como corresponde a esa conduta agresiva, perigosa, arrogante, e que pode inducir a condutas miméticas.
Para o control da súa poboación, cuxo crecemento vese grandemente favorecido polas actuais condicións medioambientais, estase a redactar unha estrita normativa que probablemente inclúa a vacinación contra xermes de rebelión, sen desbotar a castración química.
Circula unha teoría -non ben sustentada- a prol da posible mutación desta especie noutra que se ten visto nalgúns ecosistemas mediterráneos: o Suicida. Segundo ela, pódese dar o paso de Resistente Pasivo a Xa-Non-Resisto-Máis. Unha vez acadada esta condición o suicidio acontece en poucos días. Os expertos consideran que esta mutación non se ha estender moito, pero polo seu grande impacto ambiental será considerada como Grave Alteración da Orde Pública. Espécimes non mutados que pasen preto dun suicida en plena inmolación e non participen activamente en impedirllo, serán tamén acusados do mesmo delito.