No artigo Literatura e ciencia (II) falaba da Terceira Cultura, algo que malia ter vixencia, xa non é realmente actualidade. O que si é actualidade, e ben rabiosa, é a Cultura de Terceira que se aproxima veloz. Contra todas as recomendacións de organismos internacionais que dan por indiscutible a relación entre investimento educativo e rendemento escolar, entre formación e postos de traballo de calidade, entre I+D+I e crecemento económico, contra todo iso aquí aponse a revolución alxebraico-lingüística sancionada o último Venres Negro.
Nela postúlase que con máis alumnos por aula, máis horas lectivas por profesor, maior prezo das taxas, maior dificultade para acadar unha bolsa, con todos eses incrementos nun lado da ecuación, o resultado no outro lado, a calidade do ensino, non vai minguar. Todo é positivo. Mágoa que non se aportara documentación algunha para sustentar esta argumentación. Pero as ideas veñen tan deseguido a estes ministros que debemos comprender que non haxa tempo para detalles. Xa virá o Real Decreto a deixalo claro.
Igual na próxima brainstorm lles volve aquela ocorrencia de cobrar os préstamos nas bibliotecas públicas co gallo de respectar os dereitos de autor. Quizais recadatoriamente non é significativa, pero non só as cantidades importan, tamén as mensaxes. E malia andar sobrados delas, sería un xesto moi propio deles para celebrar o Día do Libro.