Literatura e ciencia (I)
Baía Edicións abriu na súa web un novo espazo, Xuntanza de escritoras. A idea xurdiu na presentación do libro Obras breves de imaxinación, que recolle os relatos premiados nos últimos certames convocados pola Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, e este novo sitio ten como obxectivo proporcionar un espazo común para a publicación de textos e opinións das autoras.
Hoxe publican o meu primeiro texto nese espazo, Literatura e ciencia (I). É o inicio dunha serie na que mesturarei artigos e relatos de inspiración científica. Velaquí o texto:
Quen escribe busca entender o mundo que o rodea, como calquera ser viviente, e amais comunicarse con el. Faino cunha peculiaridade: segrega linguaxe en forma textual, e aí cifra unha parte –a que pode- do que comprende, do que da por feito sen comprendelo, do que ignora.
Se deixamos a un lado os textos estritamente técnicos -manuais diversos, corpus lexislativos, diccionarios- e cinguímonos aos que tentan expresar pensamento con emoción e reflexión, podemos considerarnos no eido da literatura e arredores (xornalismo, ensaio, historia). Aí o tema pode ir da denuncia das condicións de vida dun colectivo á procura de sentido nas experiencias vividas polo autor, pasando pola exposición dos avances na neurociencia. O xénero textual pode abalar da poesía ao guión audiovisual e recalar no conto fantástico. Pero todos han de partillar unha premisa básica para captar a nosa atención: que nos digan algo sobre nós mesmos e o mundo que habitamos e facemos.
E aí a ciencia sempre ten algo que dicir, e moitas veces algo revolucionario para as nosas vidas e o noso concepto do mundo. Emile Bréhier dixo que, en cada época, tanto ou máis ca o modelo económico de producción, inflúe a imaxe astronómica. E de ser así, malia non ter relación laboral directa cun área científica ou tecnolóxica, simplemente por vivir no mundo que vivimos, como alguén curioso non se vai interesar pola teoría da evolución, o funcionamiento do sistema nervioso, a estrutura da materia ou a computación?
A min esa curiosidade levoume a ler ensaios de divulgación científica -algúns verdadeiros clásicos modernos- que me apaixonaron e dos que se cadra falarei máis adiante. E esas e outras lecturas máis literarias leváronme hai un tempo a escribir unha serie de relatos –algún dos cales poderedes ler aquí- e logo unha novela, onde mesturei ciencia e literatura canto me foi posible. Ciencia-ficción logo? Sí, se é un termo no que tanto caben W. Gibson como I.Calvino, R. Bradbury como Borges, U. K. Leguin como Orwell. Quen me dera estar nese grupo, no que me faltan mulleres!