Archivo de la categoría: Sin categoría

Cara a Tiananmen Square

Cara a Tiananmen Square

(fragmento)

Sae do Zara da rúa Xidan, detense no limiar e suspira. O alento sae con forza, empurrado pola frustración de ter que seguir á procura dese obxectivo que, aquí tamén, semella inalcanzábel. Un traballo.

Veña, adiante, non vai abandonar por difícil que llo poñan, por suposto que non, vai facer a seguinte xogada desta partida Inditex, aínda que pareza que anden a marear, vai ir á seguinte casiña, á seguinte tenda, falar co encargado e a ver que pasa. Sabía que non ía ser doado, verdade?

O aire fóra é aínda máis irrespirábel que cando entrou na tenda. O contraste, supón. Dentro estaba limpo, filtrado, potábel. Suspira outra vez, decátase de que está a desperdiciar ese aire ‘puro’ que colleu no estabelecemento e por un intre pensa en volver a entrar, respirar fondo e conter o alento todo o que poida, mesmo até chegar ao Zara de Quianmen. Si home si. Como vai ir alá? Volta ao metro? Xa viu pola mañá cedo como estaba o metro, imposíbel, coas autoestradas cortadas vai máis ateigado do habitual, que xa é dicir. Taxi? Taxi! Pero que é, millonario? Mira con sorpresa como pasa un grupo de bicicletas. Bo día para ir en bici e meter a polución tan dentro que non saia xa nunca máis. Ou igual tampouco é para tanto. Tampouco é tan lonxe. Igual pode ir andando. Tempo ten, o encargado non o vai recibir até á tardiña e realmente necesita mover o corpo logo de máis dunha semana, dúas máis ben, de non saír da habitación se non é para ir a clase. Mais poñerse a andar non será unha loucura, con este smog? Pois seguramente.

Mira o mapa do centro de Beijing no teléfono ─menos mal que o maps.google, aquí ditu.google, non está bloqueado─ e calcula aproximadamente a distancia até o Zara da rúa Quianmen: algo máis de sete quilómetros se vai polas rúas principais, Xidan abaixo cara a Capital Times Square, e logo dobra na Chang’an Avenue e segue por ela até Quianmen Street. Non é o mellor camiño, non. Aínda que non haxa o tráfico habitual ─por mor das restricións que tentan paliar o estado irrespirábel do aire─ é o traxecto máis longo. Mellor ir atallando polas rúas intermedias e atravesar eses parques inmensos ─alí terá que respirarse algo mellor─, arrodear a Cidade Prohibida, cruzar a praza de Tiananmen lonxitudinalmente, e saír xa logo á rúa Quianmen.

Sigue leyendo

Pierre Menard et toi

Xa non teño ese sofá onde unha vez falamos de literatura entre outras cousas. Ti levaches alí a conversa e eu conteiche da miña invención da autoficción, da que estaba tan satisfeita até que souben que xa fora inventada, e seguramente varias veces, polo que a abandonei a piques de empezar. Ti retrucaches que podería ter chegado a escribir Pierre Menard, autor del Quijote e rimos.  Algunha gabanza dixen del e dos relatos de Borges en xeral e ti preguntaches se me gustaba a súa poesía, e dixen que non moito, a pouca que tiña lido, e que por iso non lera máis. A ti si, notábase, e para explicar a miña negativa eu aventurei que os poemas non me acabaran de convencer polos seus temas filosóficos, a súa erudición, esa concisión tallada con verbas, o seu enxeño… de feito por todas as cousas que admiraba nos seus relatos.

(faltoume engadir, e fágoo agora, ao reler isto, que o que máis me disgustaba era o seu xeito de truncar as frases sen compaixón para axustarse á medida do verso, ‘desfeita’ aparentemente xustificada coa rima, e coa que o verso perdía a limpeza e fluidez, ás veces arabesca, da súa prosa)

E no sofá novo, hai un intre ía facer iso mesmo co que defendera á obra de Borges ao ti lle apoñer a súa brevidade (da que el mesmo se gababa): relela. E ao abrir Ficciones onde deixara hai tempo un kleenex marcador (limpo :) foi a Pierre Menard a quen atopei, e deixeino esperando un pouco máis mentres anotaba isto.

E raño nas lembranzas desa charla que tivemos e que tan ben me soubo polo teu interese en preguntar e pola miña grande falta -entón decateime- de charlas sobre libros dende había moito. Moitisimo. E decátome agora do que boto en falta as charlas contigo, de libros ou do que sexa. Así que me vou deixar de leiras e chamarte agora mesmo en canto lle dea aquí o botón de Publicar.

Weno, polo menos mandei un guasap. Merde.

Ruído branco

A construción da identidade e as vellas tecnoloxías. Le este relato no volume Obras breves de imaxinación ou un fragmento do mesmo nesta ligazón

This movie requires Flash Player 9

Celso Emilio e mais eu

Un día que pasei por Celanova, hai un par de aniños

This movie requires Flash Player 9

Obras breves de imaxinación

Publicouse “Obras breves de imaxinación”, recompilatorio dos relatos premiados no certame de narrativa curta que a asociación Mulleres Progresistas de Vigo ven convocando dende o ano 2007.

Teño nel catro relatos: o primeiro é un relato de viaxe e os outros tratan, mediante diversos argumentos, da construcción e o esboroar da identidade, da erosión do eu.

A presentación realizarase o vindeiro xoves 23 de febreiro, ás 19:00 horas no Centro de Documentación e recursos Feministas (no 2º andar do edificio da Biblioteca Central de Vigo, rúa Joaquin Yáñez, 8. Mapa )

Obras breves de imaxinación
Certames Mulleres Progresistas – Obras breves de imaxinación

Ramón Nicolás faise eco no seu blog “Caderno da Crítica” da aparición deste volume. Podes velo aqui.

O portal culturagalega.org anuncia a publicación desta obra colectiva. Podes velo nesta ligazón.

Tamén Dolores Vilavedra menciona na súa columna Rolda das Letras  a aparición deste volume. O artigo  pode verse nesta ligazón.

Tamén El Correo gallego  e Xornal Vigo informan do evento.