Archivo de la categoría: reseña ABDOPDE

Reseña de ‘Á busca da orixe das especies’ por Inma Otero Varela

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA Cristina Pavón préstalle afondar no que nos fai máis humanos. Percíbese en obras anteriores e tamén nos relatos que conforman este volume premiado no certame Ricardo Carballo Calero de 2014. A linguaxe, os novos emprazamentos nos que nos sitúa a integración da tecnoloxía nas nosas vidas, a memoria e o tempo constitúen os vimbios que sosteñen as identidades. Ata aquí pouco de novidoso no que a temas se refire, sen que isto supoña ningún tipo de menoscabo. A orixinalidade vén do enfoque. Incorpórase o discurso da ciencia ao filosófico e estritamente literario na análise do “eu”. O individuo convértese en obxecto de estudo para a neurociencia e a intelixencia computacional, mentres o narrador se apropia por veces desta perspectiva analítica. Mais o curioso e formidable é que a complexidade do que se observa, o humano, fai que nunca perda a alma. Perdura unha parte que non se deixa apreixar, en boa parte porque muda, é maleable a causa do tempo. Se cadra este é o motivo polo que a súa produción non se pode encadrar nidiamente dentro dos marcos da ficción científica, malia que abeire certo ton ensaístico.

Volvamos á memoria, tema fundamental de todos os relatos nas súas múltiples variantes. A memoria como ponte coa infancia e as súas experiencias traumáticas, a memoria domesticada con pastillas que aparece en “Sara e os años”, a reconfiguración do mundo á que obriga o Alzheimer en “Culler culler culler” que abre a pregunta de se a falta de linguaxe e memoria merma o que hai de humano nas persoas, a memoria como garante da especie e, sobre todo, a memoria como ficción e como construtora da identidade. Son precisamente os relatos que abren e pechan o libro os máis interesantes neste aspecto. Os “eu” que reconstrúe a memoria de ambos os dous relatos inteactúan coa obra de escritores consagrados; Borges, Darwin, Cunqueiro e, nomeadamente Proust. A nudez da intimidade convertida en espectáculo radicalízase coa posibilidade de viaxar a través dos recordos que ofrece o Memory Park. A experiencia lúdica vóltase adicción e esta angustia cando se constata que as lembranzas máis queridas nin sequera son ficcións estables. É o prezo que ten que pagar a protagonista, “auténtica ionqui do egotrip” (p. 26), muller como o resto de personaxes principais que, por mor da súa identidade de xénero, ven como a suma imposta desde fóra do “eu” aumenta considerablemente. Só unha tacha facilmente subsanable a unha obra sorprendente e ben feita. Cóanse por veces expresións lingüísticas un tanto chocantes por interferencia do castelán.

Inma Otero Varela.

Publicado no xornal “Novas do Eixo Atlántico”