Archivo de la categoría: literatura e ciencia

Perdidos no espazo -Literatura e ciencia (VII)

Outra entrega de Literatura e ciencia en Xuntanza de Escritoras.

Retomando o asunto da singularidade tecnolóxica, un dos seus profetas -home singular, sen dúbida- é Raymond Kurweill, autor entre outras obras de Singularity is near, na que debulla as condicións tecnolóxicas presentes que culminarán nun futuro moi próximo e irrecoñecible, no que a evolución biolóxica experimentará un cambio cualitativo, fusionaranse máquinas e humanos e a intelixencia cibernética alcanzará e superará á humana.

R. Kurweill é unha personalidade sobranceira, cunha intelixencia visionaria que aplica como inventor e pensador. Como inventor, logo de crear o OCR desenvolveu o primeiro scanner para ordenador, e un xerador de voz a partir de texto. Da dixitalización da imaxe pasou á de audio: creou os famosos sintetizadores que levan o seu nome, con bancos de sons que marcaron unha época na música, iniciou aos computadores no recoñecemento de voz, e hoxe fabrica dispositivos de conversación humano-máquina. O tacto é o seguinte sentido no que traballa para introducilo na computación.

Pero non só as súas invencións tiveron e teñen grande repercusión. Moitas das predicións que realizou sobre a evolución tecnolóxica a corto-medio prazo víronse cumpridas na pasada década e iso, cando menos, obriga a prestar atención ás de prazo máis longo.

Entre estas últimas salienta a aparición de intelixencia cibernética autoconsciente, algo coherente coa súa implacable liña de pensamento e acción, na que todos os sentidos e capacidades humanas vanse traspasando -bidireccionalmente- ás máquinas. E non menos salientable é o prazo que estima para chegar a ese punto, realmente escaso: contra o ano 2045. Cun pouco de sorte, el pode ser quen de velo. E, sabendo o moito que o home se coida, resúltame difícil desbotar a idea de que os seus cálculos están nesgados polo seu devezo de estar presente nese instante crítico.

O dixital é virtualmente eterno, e Kurweill non vai renunciar a iso só por ser nado antes de tempo. Así que cómpre esforzarse para chegar a ver, e sobre todo aproveitar, o grande momento no que a evolución biolóxica acade ese singular punto ciberhumano. Para Kurweill está probado que limitar a inxestión de calorías alonga a vida. Iso, e mais incluír na dieta enormes cantidades de vitaminas e complementos nutricionais dos que el mesmo é fabricante e ocasional publicista, animando -case como aquel horrible Superrato de Terry Toons- a HiperVitaminarse e SuperMineralizarse! Nas últimas imaxes que vin del -nun capítulo de Redes, hai xa uns anos- imítaballe bastante a un gnomo en camiseta, atemporal, enxoito, practicante entusiasta da restrición calórica.

Bromas á parte, un dos dous protagonistas do relato que vos presento, Perdidos no espazo, deberalle á Kurzweill boa parte das súas cualidades conversadoras. Malia que quizais deba tamén unha parte non desprezable ao efecto ELIZA, grazas ao cal un contestador automático lixeiramente evolucionado pódenos dar unha ilusión de conversa -se o ton e timbre de voz son os axeitados, se estamos moi faltos-. Proxectamos tanto a nosa psique en derredor que, se fai falla, unha sombra pódenos servir de compaña. Xa poñemos nós o resto, xa o animamos como temos animado o universo todo dende os albores da hominización.

Perdidos no espazo. Podes lelo aquí.

Genius – Literatura e ciencia (VI)

No espazo Xuntanza de escritoras de Baia Edicións, outra entrega de Literatura e ciencia

Aínda que non fose o primeiro en usalo, foi Vernor Vinge, científico e escritor de ciencia ficción, quen popularizou a expresión singularidade tecnolóxica para referirse a un punto crítico no desenvolvemento humano no que os cambios serán tan acelerados e profundos como nunca o foron na historia, imposibles de predicir nin sequera a curto prazo e darán lugar a un mundo irrecoñecible. Ese punto, segundo el, vaise acadar basicamente por dous camiños, que nalgúns tramos corren parellos: o desenvolvemento computacional e a manipulación biolóxica.

En principio, a quen lle amarga que as máquinas calculen máis rápido, que os computadores sexan cada vez máis pequenos e se podan levar a calquera parte, que nos fornezan coa enxeñería máis ousada, a cirurxía máis precisa, a condución máis segura? Ofrécennos servizos que non precisamos consumir, pero así dinamizan a economía. Facilitaron a globalización dos mercados e fixéronnos así máis inermes fronte ás corporacións que adquiriron proporcións e mecanismos esmagadores, pero déronnos a ilusión de dispor de información instantánea de calquera parte do globo, de calquera grao de interese. E máis aínda, ou aínda peor -pois esa ilusión informativa xa agromara na época catódica- déronnos a falsa idea de que as redes, a web 2.0, traían máis liberdade ao mundo. Xa non era a frustración impotente e televisiva de ter noticia do que pasa pero non poder facer nada. A nova web proporcionaba unha capacidade de intervención que parecía compensar o perdido coa globalización. Houbo -quen pode crer aínda nela?- houbo unha miraxe de ciberactivismo, chegamos a crer iso tan publicitado de que as redes sociais movían revolucións, molaba, facíanos habitantes dun mundo mellor, mesmo xustificaba a posesión dese smartphone que mercaramos cun certo remorso.

E igual que na evolución das redes informáticas e os seus dispositivos hai tanto aspectos escuros como luminosos, non será diferente o que ocorre coa manipulación biolóxica.

Biotecnoloxía ou selección xenética tense feito dende bíblicos tempos, e antes tamén, ao escoller para cruzar os exemplares que máis enchían o ollo do gandeiro, e a bolsa, por seren moi leiteiros, medraren axiña, resistiren as inclemencias… Mais cando se empregan técnicas de corta e pega dun xen dunha planta nun cromosoma dunha bacteria, poño por caso, falamos de enxeñería xenética e a cousa ponse máis seria. Aí estamos xa nun punto de inflexión na evolución biolóxica, a nosa especie modifica o proceso de herdanza xenética de xeito tan profundo que esa herdanza xa non é… a que viñamos herdando.

A cara luminosa: as aplicacións médicas, o remedio ou a mellora da calidade de vida dos enfermos de diabete, cancros, e outras moitas doenzas. A cara escura: non a coñezo no eido da medicina -un tema demasiado delicado como para que se lle dea publicidade a prácticas dubidosas como modelado de individuos, segregación xenómica, que sei eu-, pero noutros, como o da agricultura, hai exemplos ben claros. O que interesou ás primeiras empresas (velaí o xigante agroquímico Monsanto, dende a década dos noventa do pasado século) foi crear variedades de soia, millo e outros cereais capaces de resistir aos propios herbicidas da corporación. Negocio redondo. Véndenlle ao agricultor o tóxico e maila planta resistente ao tóxico, e para rematar o sufrido comprador non pode empregar libremente parte da colleita para sementar o ano vindeiro, pois é propiedade intelectual de Monsanto, e tenlle que comprar de novo a eles a semente. Chamarlle kafkiano é pouco.

Así, unha tecnoloxía que se enxergaba como solución para o problema de alimentar a unha poboación en constante e exponencial crecemento estreábase do xeito máis lamentable con produtos que buscaban exclusivamente o incremento dos beneficios da corporación, con total desprezo da biodiversidade e dos efectos incalculables que podían ter eses produtos ao se liberar no medio ambiente. Se a iso engadimos as prácticas neocolonialistas da corporación e a chantaxe aos gobernos parar asegurarse mercados abertos, para agachar nos etiquetados os produtos obtidos con esas tecnoloxías, para intentar patentar xenomas de especies ceibes con potenciais usos farmacolóxicos, e outras de similar respecto ao ben común e á lexislación dos países, o cadro xeral ensombrécese ben, e o que podemos imaxinar sobre a enxeñería xenética en animais e humanos e de todo menos tranquilizador.

E remato, que me estou estendo de máis nesta presentación. Vivirán as vindeiras xeracións un período no que estas tecnoloxías eclosionarán, quizais con ese punto de singularidade, mais eu, con menos optimismo ca R. Kurzweill (1) sobre a miña esperanza de vida, non creo que o vexa, e matino sobre el en relatos coma este: Genius (2).

Se queres ler o texto, clica aquíGENIUS

(1) Ray Kurweill: Persoeiro que ten escrito moito sobre a singularidade e a súa proximidade, pero ao que vou deixar para outra ocasión.

(2) Genius: relato incluído na miña novela Limiar de conciencia.

Excavacións – Literatura e ciencia (IV)

No espazo Xuntanza de escritoras de Baia Edicións publican hoxe un relato meu, Excavacións, dentro da serie Literatura e ciencia.

Memoria e literatura son unha parella indisociable, tautolóxica case. A escrita, mesmo a linguaxe, que son senón unha extensión da memoria? Memoria como coñecemento, estrutura viva das informacións que extraemos do medio.

Atopámolas onde sexa que ollemos. Dende as narracións orais máis antigas ata contos como o paradoxal “Funes el memorioso” onde Borges amosa o esquecemento como condición inexorable do avance do tempo, ou o oxímoron –quizáis só aparente- de “Recuerdos inventados” de Vila Matas, e tantos máis salientables que os límites deste texto fanme desbotar. Mais nunca sen facer reverente mención do santo patrono, o home que mergullou nelas con profundidade e alento incomparables, e que cuñou cunha magdalena ese tipo de lembranza que asolaga a conciencia cun eu antigo, o xeito de memoria máis potente que podemos ter, experimentando durante uns felices intres que seguimos a ter connosco ese eu que fomos. e ao que tanto apego tivemos.

Durante moito tempo pertencín eu a ese período magdaleniense –desculpen o chiste- cativada polo inmenso da arela proustiana, que quizais contribuiu a facer a miña relación coa escrita angustiosa e improdutiva. Pero a memoria –a vida- non pode ficar sempre nun territorio e xa que logo explorei outros periodos, outros estratos xeolóxicos, e, como xa contei en anteriores entregas, atopei na ciencia unha inspiración. Nos antropólogos á busca dos nos nosos máis remotos devanceiros, nos achados paleontolóxicos que nos teñen aclarado a nosa natureza e condición -sempre coa evolución na orixe/explicación de todo- e da fascinación que esas pescudas me teñen producido, naceu o relato Excavacións. A memoria fósil da colectividade tomada como modelo da memoria personal.

E sigo a escribir relatos coa memoria como protagonista. A neurobioloxía, a sicoloxía cognitiva, teñen moita luz que deitar no funcionamento da memoria e os procesos cognitivos. Como se forman as pegadas mnémicas no cerebro, como recuperamos as lembranzas, como e por que esquecemos, que información se fai consciente ou inconsciente… Todos os mecanismos que conforman a nosa identidade teñen o soporte da memoria. Como non incorporalos dalgún xeito á narrativa?

Se queres ler o texto clica aquí Excavacións