Penélope

 

 

 

 

Ala, veña, relerei isto a ver se o remato dunha vez.

Este trasto cada día tarda máis en arrancar ...

Coido que non me quedou mal. Aínda que sempre me pasa o mesmo, o que escribo pola noite paréceme de puta madre e cando o leo ao día seguinte paréceme unha cagada incrible. Serei a mesma? O que importa é a idea, se a idea é boa, logo xa a puirei, non me vai a salir xa á primeira. Pero por qué pola noite non me poño tan esixente? Porque a verdade é que sempre empezo a mar de animosa e adoito rematar bastante satisfeita. E logo reléoo e non ten nada que ver co que me parece ao día seguinte, que adoito borralo. De noite escribo, de día borro. Así, dende logo, no hei chegar a grandes volumes. E non terei tampouco referencias para comparar, para ver se evoluciono algo, se melloro. É que prefiro non gardar esas probas, esas mostras comprometedoras. Ben, parece que terminou de cargar todo o cargable. A ver.

Teciamos porque si, porque o que teciamos poñíamolo, pero en realidade era por moitas máis cousas, como toda artesanía era elaborar algo necesario e práctico pero envorcando tanto amor e dedicación na tarefa que importaba máis eso ca necesidade que cubría, buscabamos deseños, probabamos las, calculabamos coidadosamente as madeixas necesarias, refacíamos xerseis, facíamos mostras, aprendíamos puntos, consultabamos e fotocopiabamos revistas, comentabamos outros xerseis, aprendíamos que existían agullas circulares e outros xeitos de facer elásticos, facíamos patróns, pasabamos o ferro ás pezas, teciamos en punto liso sen mirar ao labor.

Vivir en latitudes tan septentrionais facia natural a nosa dedicación. Axudaba á economía e ocupaba as largas horas de escuridade existentes, cando as temperaturas eran tan baixas que non se podía estar fóra e mesmo as ondas hertzianas conxelábanse dando aburridísimos programas de TV. Por eso agradecíamos ter esa tarefa, igual que outros tallaban ósos e outros adicábanse á marquetaría. Só que a nosa amáis era cálida e podía facerse con cores e texturas tan diferentes!

A tarefa raíña era o xersei con debuxo. Era unha especie de ASCII-art sen problemas de paleta, pero con problemas de tintada (porque non podiamos permitirmos dispendios ao mercar as las, e ao usar moitas cores sempre sobraba moita la, un pouco de cada cor. Aínda que se usaría para outro, sen dúbida). Seguindo o deseño previamente trazado nunha cuadrícula, esperando que o groso da la fose o axeitado para que as pezas que facíamos có debuxo desexado resultasen do talle suficiente. O primeiro, elixir o motivo. E debuxalo en cuadricula limitándose a seis cores como máximo. Non era doado, pero no reto estaba o bo. O malo era que ese tipo de labor exisía facer cada volta mirando o esquema, non se podía tecer e tecer aloucadamente pensando noutra cousa, charlando, lendo ou vendo a tele.

Pfff qué merda. Qué chorrez. Só me falta chamarlle xersei de punto com. Se é que non era eso, é dicir, si, ten que ver co sentimento desa época, pero lido agora fríamente non o evoca para nada. Pois sabes qué. Que o ollo do cú non ve. Por qué sempre me sae ese retrouso, tan fino. Que o borro. Que sí.

E a ver o outro. A saber. A saber máis ben onde o metín.

aforra palabras
escritos económicos
emisión de estribillos ao 10 % de desgravación.
repite.
repite.
concentración.
inhalación.
ilación.
ónde está o fío que leva ao teu corazón
corazón de punto
cabeza tricotada
teces e teces escuros tejemanejes
ariadna. penélope
MARGARET TATCHER TECE CHAQUETAS COR VIOLETA.
COR MALVA.
MENTRAS MALVINAS.
MARGARET TECE UNHAS BONITAS LEIS EN PUNTO INGLES,
UN DO DEREITO E DOUS DO REVES.
CAMARA DE LORES, FALTANME DÚAS VOLTAS PARA A SISA.
FOLGA.
NIN FALAR, MENTRES EU ESTOU A TECER SEN PARAR.
UN XERSEI DE COLO CISNE PARA CICCIOLINA, CON EXCELENTE LA DAS NOSAS EXCELENTES OVELLAS.
TEZO, FAGO PUNTOS.
CORAZON DE PUNTO.
PERDO O FIO.
MENTE DE MADEIXA.
SE ATOPASE O FIO.
SPAGUETTI DE LA.
TOMATE NAS VEAS.
SPAGUETTI WESTERN.
ITALIA INGLATERRA X Y Z.
AS DÚAS, M E C, COMENDO O MESMO SPAGUETTI, POR EXTREMOS OPOSTOS, OF COURSE.
AS PRENDAS QUE AMOROSA E ENERXICAMENTE TECE M. TATCHER POLO DIA, CICCIOLINA DESTECEAS POLA NOITE, COA AXUDA DOS CLIENTES DO PORNO-PUB
NON DOU ABASTO, DI M. TATCHER.
NO DAMOS ABASTO, DIN OS CLIENTES.
MARAÑA LANOSA.
NON SE VE XA A TRAMA.
M. TATCHER RECLAMA A COOPERACION DLA INDUSTRIA TEXTIL DO SEU PAIS
CICCIOLINA SOFRE UN ACCIDENTE LABORAL QUE A RECUBRE DE VENDAS POR UNHA BOA TEMPORADA, OUTONO-INVERNO.

Ben, este non está tan mal, aínda que xa tan desfasado, a qué veñen agora a Tatcher e Cicciolina, é que é traer o do punto polos pelos, ou pendente dun fío, hehé, si é que me perde o enxeño, qué enxeñosos os que mo din, pois mira, a tomar polo cú tamén, bórroo e punto. Oh non, punto outra vez, se é que non teño remedio, é así, admíteo e déixao, oh canta esdrúxula, como brúxula, tan necesaria para quen perdeu o norte, non é que me importe, pero texto que vas borrar, déixao pasar, déixao, déixao