Hai anos comecei a usar Flash para desenvolver algo que sempre me chamou, a animación de gráficos, moi especialmente a orientada á mestura de letra e gráfico (valla a redundancia, pois unha letra ben gráfico que é) algo que dei en chamar PezaWeb, entroncado co netart, ciberliteratura e producións nesa liña.

O meu coa PezaWeb realmente empezou con javascript no século pasado e, malia ter xogado moito con el, do feito só rescatei esta peza, Penélope. O que ía mudando non só esa linguaxe de script, senón o HTML todo, e as versións diferentes segundo os navegadores, facía que esas pezas fosen efémeras ou necesitadas de mantemento bastante frecuente. Así optei polo Flash, agora xa en devalo e fóra do mundo Android.

Moitas das ideas para PezaWeb quedaron en notas que probablemente non se desenvolverán nunca. Pero Letras vs Gráficos si, grazas á colaboración de Xavier Debesa, que lle puxo a paciencia que a min me faltaba para completar unha peza que ía moito máis aló do que eu viña facendo.