Cara a Tiananmen Square

Cara a Tiananmen Square

(fragmento)

Sae do Zara da rúa Xidan, detense no limiar e suspira. O alento sae con forza, empurrado pola frustración de ter que seguir á procura dese obxectivo que, aquí tamén, semella inalcanzábel. Un traballo.

Veña, adiante, non vai abandonar por difícil que llo poñan, por suposto que non, vai facer a seguinte xogada desta partida Inditex, aínda que pareza que anden a marear, vai ir á seguinte casiña, á seguinte tenda, falar co encargado e a ver que pasa. Sabía que non ía ser doado, verdade?

O aire fóra é aínda máis irrespirábel que cando entrou na tenda. O contraste, supón. Dentro estaba limpo, filtrado, potábel. Suspira outra vez, decátase de que está a desperdiciar ese aire ‘puro’ que colleu no estabelecemento e por un intre pensa en volver a entrar, respirar fondo e conter o alento todo o que poida, mesmo até chegar ao Zara de Quianmen. Si home si. Como vai ir alá? Volta ao metro? Xa viu pola mañá cedo como estaba o metro, imposíbel, coas autoestradas cortadas vai máis ateigado do habitual, que xa é dicir. Taxi? Taxi! Pero que é, millonario? Mira con sorpresa como pasa un grupo de bicicletas. Bo día para ir en bici e meter a polución tan dentro que non saia xa nunca máis. Ou igual tampouco é para tanto. Tampouco é tan lonxe. Igual pode ir andando. Tempo ten, o encargado non o vai recibir até á tardiña e realmente necesita mover o corpo logo de máis dunha semana, dúas máis ben, de non saír da habitación se non é para ir a clase. Mais poñerse a andar non será unha loucura, con este smog? Pois seguramente.

Mira o mapa do centro de Beijing no teléfono ─menos mal que o maps.google, aquí ditu.google, non está bloqueado─ e calcula aproximadamente a distancia até o Zara da rúa Quianmen: algo máis de sete quilómetros se vai polas rúas principais, Xidan abaixo cara a Capital Times Square, e logo dobra na Chang’an Avenue e segue por ela até Quianmen Street. Non é o mellor camiño, non. Aínda que non haxa o tráfico habitual ─por mor das restricións que tentan paliar o estado irrespirábel do aire─ é o traxecto máis longo. Mellor ir atallando polas rúas intermedias e atravesar eses parques inmensos ─alí terá que respirarse algo mellor─, arrodear a Cidade Prohibida, cruzar a praza de Tiananmen lonxitudinalmente, e saír xa logo á rúa Quianmen.

Garda o móbil e bótase a andar. Enfila cara ao primeiro parque, Beihai, con certo temor. Non está moi seguro de dar chegado ao sitio malia camiñar por unha das zonas máis céntricas de Beijing. A néboa é mesta de carallo. Volve consultar no móbil. O parque Beihai ten dous lagos grandes, e seica é antigo e moi digno de ver. Pero agora non é cuestión de demorarse aí. O que vai facer é circundalo até a metade máis ou menos, logo cruzar entre os dous lagos eses e tirar cara ao seguinte parque, Zhongshan Park, indo o máis en diagonal que poida.

Axiña imprime un ritmo áxil á andaina, pero sen pasarse. Malia ter andado noutra ocasión pola contorna élle difícil recoñecer ren até que o ten mesmo diante. Esta néboa é a hostia. Xa levan días con ela e non hai visos de que se vaia disipar, o aire segue estancado, opaco.

O primeiro día desta neboeira, que disque cobre moito máis ca Beijing e arredores, tivo acordanzas que había moito que non o visitaban. Saír á rúa, só asomar os fociños á porta da residencia de estudantes, tróuxolle unha lembranza de moi neno. Veña para a escola! Que fas aí parado? dicíalle a mamá, impaciente. El abrira a porta da casa, xa co pasamontañas e as luvas postas, e quedara pampo ao ver… que non se vía nada. Mundo borrado. Moncho, anda á escola! berraba ela. Á escola, repetía el para os seus adentros. Seguro que había escola? Se non había nada… Veña, lisca! insistira a mamá. E que non se ve ren! protestara el. Que tiña, cinco, seis anos? Si, hai borraxeira, pero ti vai polo camiño coma sempre, e xa está! El detectara ese ton de enfado contido que facía recomendábel obedecer axiña. Pero aínda así permaneceu quedo. Ela turrara del, suave pero inflexíbel, pechara a porta deixándoo fóra e el ficara alí, inmóbil, embutido na súa roupa invernal, ollando á dereita e á esquerda. Todo en branco. A mamá déralle un último berro dende unha fiestra: bule Monchiño, que vas coller frío, e vas chegar tarde! Non terei que levarte eu, ho? El botara a andar, flipado, aínda sen estar moi certo de se o mundo estaba aí ou non. Se a mamá lle mandaba, el tiña que ir. Iso era evidente aínda que todo o demais ficase oculto. Ao dar uns cantos pasos comprobara que seguía todo onde sempre: o valado, a casa dos Roxos, os alpendres case derrubados… estaba todo no seu sitio malia case ter que bater coas cousas para velas. E de súpeto pensara que se unhas ían aparecendo, outras desaparecerían asemade, e daquela volvera a ollada cara atrás, e xa non puidera ver a súa casa. E retrocedera uns pasos, automaticamente, mais detivérase por que sabía que se a mamá o vía íase enfadar. Se aínda houber un camiño claro, uns vieiros definidos, sería máis doado. Pero para empezar tiña que atravesar aquela leira grande que nin se vía… Todos os sinais, todas as referencias estaban sumidas nese manto, manto non era a palabra, nese leite aéreo, nebuloso. E frío. Aquilo era coma outro mundo. E el un astronauta. Como o que vira na tele a dar un paseo espacial, con aquel super-traxe e o mochilón co que se propulsaba. Zzzz. Zzzz. El tamén podía facelo, tiña azos para moverse nese mundo baleiro no que non era doado orientarse. O traxe dificultáballe os movementos, pero permitíalle permanecer nesa contorna hostil. Tiña que cumprir unha misión, chegar a escola, e faríao. E con esa resolución comezara a súa épica andaina de astronauta cara ao colexio, con máis confianza a cada paso que daba. Ao cabo un afacíase á néboa e ía enxergando as cousas. Se se despistaba un pouco había treitos nos que xa non sabía onde estaba, pero servíalle a memoria do corpo, gravada ao longo de moitos días de escola, para guialo naquel mundo en suspenso, engulido pola brétema láctea.

Como agora.

Só que aquilo era brétema e isto é merda en suspensión.

E aquilo era fresco e limpo e isto, isto é reseco e tóxico, e vai acabar con eles todos!

Van xa cinco días cun smog de densidade récord, e iso aquí é moito dicir. A lembranza dos neboeiros lugueses déralle aqueloutro día unha morriña descoñecida que o acompañara moitas horas, coma un brazo tristeiro sobre os ombros. Mentres a xente tusía, proíanlle os ollos, quedaba na casa se podía, el andou devagar somerxido en difusos pensamentos e acordanzas de camiño ás clases de mandarín na Beijing International Studies University.

[…]

Premio Modesto R. Figueirido 2013