Hai uns días publicaron en letraenobras o texto que podes ver nesta ligazón. Reprodúzoo a continuación.

A fera corrupia, digo corrupta.

– Pasen, donas e cabaleiros, pasen e contemplen esta animalia capturada nas mestas selvas do capitalismo peninsular! Si, temos aquí a unha verdadeira Fera Corrupta, capaz de chegar ao máis alto da pirámide depredadora, e mesmo á presidencia da CEOE.

Estalar de látego no ar.

– Veña, móvete, saúda ao público!

– Hai que traballar máis e cobrar menos!!! –rosma a besta.

– Velaí, estimado público, a fera na súa actitude máis recoñecible. Continúa, dálle!

E fai estalar o látego outra vez. Klsst!!

– Eu nunca voaría con Air Comet a ningures!!! –gruñe o espécime.

– Adiante, amosa ben os dentes, traba!! -encírraa o home do látego e zorrégalle nas nádegas.

A fera revólvese.

– Hai que liberalizar o despido!!! E baixar as pensións!!! –berra con ganas e bota espumallos.

– Aí o temos!! Que exemplar!!

– A mellor empresa pública é a que non existe!!!

– Perlas todas as que saen pola súa boca, donas e cabaleiros!! Mais non se deixen impresionar, é moito máis o que cala que o que di. A ver logo, ese crédito que che deron en Bankia, como foi a cousa?

Silencio estrepitoso. Soa o látego, primeiro no ar e logo nas costas da fera, que se doe con laios afogados.

– E como te fixeches con Viaxes Marsáns? Que pasa, non che acorda?

A fera non di ren, o silencio é tal que até se entenden os murmurios do público:

(.Se aínda puideramos meterlle o dente!

.E non terán un banqueiro? Seguro que saben mellor.

.Mellor non sei, pero máis fixo, eses non son doados de pillar)

O presentador alza a voz e o látego asemade, e zóscalle á fera con decisión.

– E onde están eses 800 millóns de axuda pública para sanear a liña aérea arxentina, eh?

A fera brama e amaga con botarse ao home, mais este anda lixeiro, tráballe as patas traseiras co látego e faina caer a rebolos. Logo déixaa ir cara a un recuncho con aire murcho malia enrabechado.

O presentador da por concluído o show e despídese en ton reflexivo.

– Xa ven, cando realmente cómpre que falen, non hai quen lles saque un chío.

Febles aplausos. O home engade cun aceno de decepción:

– O certo é que se atopa moi soa, coa morea delas que andan por aí ceibas e deberían facerlle compaña!