Sangue 12 en Palabra de Gatsby

Na web Palabra de Gatsby publicaron hai pouco unha recensión de Sangue 12. Benvida sexa!

Reproduzo aquí o texto de David González.

“A literatura moitas veces precisa de renovar os seus propios mitos e figuras principais. O caso do vampiro non é algo diferente. Estas supostas deidades demoníacas que presentaron autores como Bram Stocker, Byron o Goethe evolucionaron na literatura actual introducíndose no novo mundo con distintos resultados. Sangue 12 de Cris Pavón é un deses casos nos que esta figura desvirtúase fronte a tradición pero o resultado non é un despropósito.

O libro non comeza con moi bo pé. Peca un pouco nos primeiros capítulos de caer na repetición de situacións e os encontros dos personaxes sempre baséanse nos mesmos principios. Cando todo pode indicar que o libro seguirá unha trama insubstancial, o contacto entre as dúas protagonistas da lugar a un cambio sorprendente no rumbo da historia. A trama comeza a introducir reflexións sobre o crecemento, o sangue, a regra e a sexualidade dende unha óptica nada tradicional.

É posible medrar sen se volver desprezábel? É posíbel que a noite non siga o día? Eles só se resignan. Acéptano e reciben logo as ledicias do sexo como premio de consolación fronte á perda da infancia. É o que fai soportábel o paso ao estado adulto, sempre o pensei, pero nunca o comprendín como agora. Foi algo máis que entendelo, sentino, por un intre desexei mergullarme eu tamén na corrente do tempo e compartir con ela ese pracer. (páx. 84)

A obra combina un diario e as vivenzas persoais da vampiresa cunha narración áxil e na que a descrición ocupa so momentos chave da historia. Todo isto outorga a obra unha perspectiva microhistórica moi ben trazada en base a unha cronoloxía ben perfilada. As novas tecnoloxías introdúcense tamén para favorecer este punto, xa que a axilidade da mensaxería permite que as relacións entre personaxes sexan moito máis aceleradas e constantes.

O amor adolescente e feminino que podíase entender nas primeiras páxinas non segue as liñas tradicionais dos máis recentes e desafortunados produtos literarios, senón que utilízase como crítica á idealización do amor que a historia escrita por homes impuxo. O descubrimento da sexualidade supón para as dúas mozas un pracer que non se ve baixo os medos heteropatriarcais e que os pon en dúbida. O sangue da menstruación é un sangue que é froito de desexo por parte da vampiresa, que desexa unha volta á infancia a través dun líquido desexado, nun proceso voluntariamente similar á lactancia. Non produce noxo nin simboliza a fertilidade, en vez de ser a marca da vida adulta e a marca da liberdade e a infancia.

3 de xaneiro de 1817

O pacto era non medrar. Aínda ten que transcorrer un tempo para que vexa se efectivamente se detivo o meu crecemento. Ás veces asáltame unha sede tal que non sei do que sería capaz… de chuchar a menstruación se a tiver.

5 de xaneiro de 1817

Cando chucho sangue volvo á infancia perfecta, á ledicia total. Á despreocupación, á ignorancia, ao gozo. Lembro o imposíbel, o pracer da lactancia. (páx.92)

Tamén se agradecen as continuas referencias que fai a autora a tradición literaria e, en especial, ó pensamento feminista. Aínda que o feminismo é un tema que ten un fondo palpable na novela, tamén se introducen explicitamente algúns nomes de pensadoras e títulos de obras. Destacar o papel que se lle da a Mary Shelley pois é o antecedente máis popular da literatura de terror escrita por mulleres.

Conseguiu que a irmá lle enviara o enderezo de Mary Shelley, Mary Wollstonecraft de solteira, quen foi moi amábel e atenta ao responder as súas cartas, pero non lle deu ocasión para se achegar como Palmira quería, con máis intimidade. Informouse de todo canto puido sobre a súa vida: os seus fillos mortos, as desavinzas co defunto marido, a vida dos do pazo Diodati. Canto máis descubría de Mary Wollstonecraft, máis medraba a súa admiración por ela: a devoción pola súa nai autora da Vindicación dos dereitos da muller, o seu desprezo polas convencións sociais, o singular da súa vida e a dos seus amigos. (páx. 115)

En resumo, Sangue 12 é un libro que aínda que pode ter un comezo titubeante merece unha oportunidade por parte do lectorado. Un libro bizarro, complexo pero cun fondo chamativo e todo un pensamento detrás.”