Grazas, Ana, polo que escribiches ao redor de ‘Á busca perdida das especies’, que se pode ler nesta ligazón, e que reproduzo aquí tamén.

Xa máis dunha vez oín as túas desculpas -mesmo laios :)- por non ter conseguido que ‘Limiar de conciencia’ fose gañadora cando eras membro do xurado, e abonda xa con iso, por favor. Pois se alguén conseguiu darme a confianza que ás veces me faltaba con esa novela fuches ti, que soubeches entender o que eu buscaba, e superar as dificultades que o texto puña,  e acompañarme nesa busca até o final. Así que se a alguén lle teño que agradecer algo por ‘Limiar de conciencia’, Ana, cariño, é a ti.

A busca da orixe perdida das especies, Cristina Pavón

Dende que tiven o privilexio de ler o manuscrito da súa primeira e grandísima novela, Limiar de Conciencia, e malia a mala conciencia (neste caso a miña) de non ser quen de defender a capa e espada aquel texto para que fora o xusto gañador do Premio Xerais daquel ano, síntome en débeda con Cristina. Pero o meu desacougo durou o pouco tempo que pasou dende que a autora comezou a ser premiada.  Ao Premio “Modesto Rodríguez Figueiredo” pola súa obra “Cara a Tiananmen Square”, engádese agora o recente Premio Carvalho Calero de Narración por este conxunto de relatos de título tan fermosamente evocador. Eu, de Cristina destacaría o seu degoiro polo coñecemento. A súa curiosidade por atopar a cerna das cuestións fundamentais. As que atinxen ás dúbidas máis transcendentes, que son tamén as que nos plantexamos na máis tenra infancia e que a pesar de todo o que levamos lido e reflexionado non damos resolto con toda a madurez que se supón que unha acada coa idade adulta. Cicais o máis precioso que atopo na súa escrita é precisamente a imposibilidade de acadar certezas nunha idade adulta que inxustificadamente privilexiamos fronte a aquela inocencia involuntaria coa que albiscabamos o mundo na infancia. Por iso a recuperación daquel paradiso perdido é a angueira á que se sacrifica a poesía, esa arqueoloxía sentimental na que procuramos reter, non un tempo pasado que polo simple feito de selo tivese que ser mellor, senón as primeiras impresións que o mundo exterior estampara na nosa conciencia. Aquel bruído, caloriña, insatisfacción ou incertidume sen adobiar por negociación ningunha con unha mesma, porque non tiñamos todavía a sensación de ter que defendérmonos de un mundo exterior nocivo e malvado que logo aprendemos que está aí para conspirar contra nós. O devezo de Cristina por reencontrarse con aquel eu inocente e puro materialízase en textos profundos e sinceiros que debuxan paisaxes das que tamén nós formamos parte. Recoñecerémonos nos intres recuperados por Cristina, fomos a súa irmá afouta, fomos a súa compañeira de cuarto curso da EXB, tamén fomos a meniña que sentou no valado, afastada dos compañeiro de colexio, porque quería facerse preguntas ela soíña. E somos tamén eses adultos despistados que procuramos respostas en máquinas do tempo de feiras e tamén en pílulas que prometen un pouco de calma neste caos de incertidume. Confiamos na ciencia e nos achados de xentes que pasaron a vida resolvendo unha fórmula matemática, pero prestamos tamén toda a atención ás estratexias coas que resolven a vida o común dos mortais, porque a sabedoría pode que sexa unha especie de equilibrio entre o desexo e a necesidade de insatisfacción. A Cristina preocúpalle a memoria, diríase que mesmo a obsesiona o perigo a perder esa especie de aleph que temos ao noso dispor para turrar de solucións xa probadas. É o medo á perder seguridade, esa que non precisabamos na infancia, cando a improvisación era a felicidade. Cicais non tiñamos que porfiar tantísimo en dominar o tempo, deterse fronte ao cabalo e abrazalo coma fixo aquel tolo marabilloso ¿non si?