Os informativos da CRTVG sempre coa cultura, faltaría máis. Decote a dar a nova importante, a subliñar a relevancia do sector. Serva como exemplo o telexornal de mediodía do mércores 5-11-2014. Entre a sección de Deportes e a de Ciencia e tecnoloxía, preséntanse as novas de Cultura. E que hai de sobranceiro e digno de mención? Dúas noticias, non está mal, que ben sabemos que non hai espazo para todo:

  • Unha (1′ 9”). O libro que Enrique Riobóo presenta e no que, segundo di o autor, alértasenos do perigo de que Pablo Iglesias chegue ao poder, porque é un home moi intelixente pero amoral. Amoral! Vaites! Non era ese un atributo favorábel? Non é un cualificativo aplicábel a unha grandisima parte da ‘clase’ política, que anda medio infartada pola última sondaxe do CIS? Ai, xa non sabe unha que pensar. Googleo “comprar La cara oculta de Pablo Iglesias”. Sempre que fago unha busca co título dun libro mencionado en espazos de moita audiencia, devólveme unha morea de librarías e sitios. Mais, curioso, desta volta non sae nin unha librería nin sitio onde mercar tan apetecíbel obra. Busco logo polo nome do autor e vexo que Enrique Riobóo é director de Canal33, practicamente a única web onde atopo información sobre el mesmo. Aí indica que a obra está publicada por Vive libro(plataforma de autoedición). E si, aí pódese mercar por 11 €. Téñome que conter moito para non premer no botón Compradecontado, mais consigo reprimir ese impulso. Non en balde fun quen de deixar de fumar.

  • Dúas (21”) . A escritora Lydie Salvaire gaña o Goncourt. Parabéns, madame.

Deseguido, as noticias de ciencia e tecnoloxía. Xa que logo, a nova do libro de Enrique Riobóo era unha nova ‘cultural’, pois emitírona no bloque de Cultura. É moi de agradecer que o Telexornal publicite as obras autoeditadas por escritores en plataformas como a de ‘Vive libro’, e non dubido que xa o ten feito -ou está a piques de facelo-, coas que temos no país. E moito máis coas nosas editoras ‘tradicionais’, novas ou de longa traxectoria, que non debe haber semana que non saian no Telexornal anunciando as súas novidades editoriais. Só que non as dou atopado na web da crtvg … que estraño.

Captura de pantalla de 2014-11-06 15:55:12