Ensaio e rede

O ensaio, adoitan dicir os editores, é un dos xéneros menos rendíbeis. Todos recoñecen a súa importancia como elemento fundamental na formación e expresión do pensamento crítico dunha sociedade e dunha lingua, e algúns van máis aló e actúan a prol da súa difusión. Hai editoras salientábeis nesta tarefa, mais aquí cinguireime ás que veñen empregando a rede, e a descarga libre de textos, como ferramenta para ese labor.

A primeira é Estaleiro. Centrada na socialización da cultura antes que na busca de rendibilidade económica, iniciou entre nós a oferta de libre descarga dos seus textos, certificando que ‘a aura’ da obra impresa e encadernada perdera brillo e sentido no século XXI.

Máis recente, Euseino? aparece como editora especializada en ensaio que partilla a súa oferta entre a edición tradicional en papel dalgúns textos, e a libre descarga doutros. Como quen baixa unha demo dunha aplicación, o lectorado con interese pode probar algún dos artigos que publica mensualmente na sección Anotacións de literatura e filosofía, e coñecer así as liñas de traballo de autores e autoras que van dende filósofos de sona internacional á novas e moi interesantes autoras galegas. E animarse logo, como foi no meu caso, a proseguir con algún dos textos á venda da mesma editora.

Así, como lectora e beneficiaria do bo traballo destas editoras e dxs colaboradorxs, doulles as grazas por construíren coa súa xenerosidade e intelixencia espazos para a lingua e o pensamento. E sen canon.

 publicado en Sermos Galiza nº 122 (13-11-2014)