Bestiario (VI)

Aves do paraíso (fiscal).

Bestas de plumaxe vistoso onde as haxa, amais de verse favorecidas no reparto de xenes cuns deses que dan fenotipos fenomenais, teñen a sorte de estaren por riba doutras aves en máis aspectos. Non é que voen máis alto, é que tributan máis baixo. Tanto que nin se as escoita.

Adoitan ter como mínimo dous niños, un ben visible co que gardar as aparencias, e outro(-s) en lugar(-es) a salvo de depredadores e molestas inspeccións.

Son de costumes migratorios e rexen as súas translacións polas variacións nas condicións fiscais dos lugares onde se acubillan. Así, poden botar un tempo co niño B en Suíza, poño por caso, ata que un vento lexislativo arrefría as condicións da estadía, momento no levantan o voo cara a Aruba ou as Seychelles.

Recentemente, un equipo de sobranceiros naturalistas da península, conscientes da escaseza dos niños neste territorio, decidiron rachar coas regras imperantes –algo sempre perigoso nun ecosistema– en prol de fornecer os niños locais. E así, case como o lobo do conto, sopraron e sopraron para xerar un vento de amnistía fiscal que ía traer de volta o melloriño dos niños expatriados, ao crear condicións paradisíacas para o seu retorno. Mais o pretendido vento non pasou de ser un leve airiño que non foi quen de traer de volta case nada. Malia, iso si, levantar un cheiro que aínda fede.

Aves exquisitas elas, non están dispostas a correr riscos co que depositan nos seus niños. Comprensiblemente, evitan que lles anden a cotifar nos ovos. E consecuentemente, esfórzanse en educar ás súas crías para que saiban manter a súa situación de privilexio, e cóntanlles contos de medo, contos nos que os seus seguros, fornecidos, insultantemente inaccesibles niños B, fican de socato ao descuberto polas revelacións dun naturalista sen escrúpulos, e os seus propietarios sinalados publicamente como delincuentes.

– Si, ruliños, hai xente mala no mundo, tentan acabar coa nosa especie!! Filliños, temos que defendermos dos que queren acabar connosco!! E que non vos enganen con esas consignas maliciosas: “O que ti evades mata”, “O teu paraíso é o inferno doutros”. Mentiras, envexa que os corroe!!

Os pequenos escoitan con grande apertura dos pequenos picos e a luz da decisión a refulxir nos ollos. Os pais conteñen o grallido de fachenda que loita por saírselles da gorxa ao ver como aprenden os seus pitos. Rin polo baixo, pásmanse ante a inocencia das crianzas que escoitan crédulas as fantásticas pretensións das aves do común e as súas historias fabulosas de desaparición dos paraísos e reparto igualitario dos bens, cando ao máis que chegan é a distraer algún IVE que outro.

E sen darse tregua, continúan coa terríbel historia de Tobin o Malvado e a súa Taxa Feroz, raposa sanguinaria que ao menor descuido cravará neles as súas garras recadadoras e os expulsará, meus anxos, do paraíso.

.

(Unha imaxe pesa máis ca mil palabras, secasí gustaríame subila algún día)

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio