5

Rematei! Rematei! Rematei!

O feliz eco dos “Rematei!” mantívome un tempo en éxtase, satisfeita co simple feito de tela acabado. Cando o eco se extinguiu, escoitei xa outra cousa:

E agora que? Que vou facer con ela?

Darlla á ler a alguén, un día destes.

Penso que non vai ser doado publicala, non coñezo editores, nin escritores, nin críticos. Son unha escritora serodia, novel e inédita. E sei que LdC un best-seller non é. Pero tamén que é unha proposta diferente que pode interesar.

Loito contra a idea -poden rir comigo- de subila a un blog, porque como non me coñece ninguén, quen o vai ler? É o máis inmediato, pero non me parece o máis eficaz.

Enviarllo á Regueifa.net? Seguramente debería telo feito, e aforrado tempo e papel entre outras cousas.

Eu tiña claro que á novela o que lle acaía era un formato dixital. Que sentido podía ter que os logs dunha máquina, por moita ‘feitura literaria’ que acadasen, foran impresos en papel, cosidos, encadernados e distribuídos en andeis de librarías? Pouco. É un texto que cómpre ler nunha pantalla, aínda que naquel 2007 no que o rematei, os libros dixitais en galego nin estaban ni se os esperaba.

Desbotei a idea de formato dixital e publicación inmediata, en prol da procura de difusión para a obra, dunha canle editorial con certo prestixio que osmoticamente a confirmase como algo a ter en conta… esas andrómenas da vaidade. Rexistreina no RPI e díxenme, hei buscar algún concurso ou premio ao que enviala…