7

Ás veces -moreas de veces- as cousas alíanse para afastarme do teclado. Mudanzas, traballo novo, visitas inoportunas da familia -perdoade, cariños- semellan conxurarse para me ocupar o “tempo libre”.

Outras veces é a escrita en si a que se pon complicada. Ao medrar o volume de texto xa construído, e mailas notas para o que ven logo, a cousa enléase de xeito preocupante. As relecturas tras as longas e obrigadas pausas xa toman tanto tempo que non paga a pena pórse a escribir se non é cunha semana mínimo por diante. Se non dispoño diso mellor só esbozar, apuntar cousas, engadir material ao monte que terei logo que cribar para seguir adiante.

Bonita forma de estragar a diversión.

O desánimo pódeme ás veces, pero a historia tenme ben collida e volvo e volvo a ela.

Sabía que a tería comigo ata que callase. Imaxinaba que sabía como se ía resolver, pero tiña que demostrarmo. Ben sabía eu que as cousas nunca son como as imaxinas, que todas as matinacións afástanse sistematicamente do que logo acontece, na vida e na escrita. Así que había que escribilo para que ver que pasaba realmente, para ver como aquilo que pensara ía adoptando a faciana do feito, e resultaba ser moi distinta.

E iso engancha.