Lobishome.

Home que loita contra a súa natureza bestial, que pugna por tomar as rédeas. Cada vez atopa menos motivos para seguir nesa loita.

A cousa acontece non xa nas noites de Luar, senón noite si, noite tamén. Logo que rematan os telexornais varios que vai zapeando e antes de dar chegado ao episodio de Era visto, a luz catódica -non ten para pantallas planas- e sobre todo, o que nela se transmite, comeza a facer estragos nel.

Un desacougo sen límite asulágao ao decatarse, outra vez, da súa pringada condición. Un tremor empeza a apoderarse del ata facelo convulsionar coma un epiléptico. Un ouveo que non parece sair da súa gorxa racha a noite e malia os tímpanos dos veciños, e todas as maldicións que o home contivo fronte ao lamentable espectáculo político trócanselle en formidables cairos; as labazadas que quedou con ganas de repartir aos estafadores millonarios e ceibos convértenselle en unllas grosas e afiadas; a mala hostia que o recome de escoitar tanta mentira rebórdalle por todos os poros da pel en forma de pelos como cañotes.

O devezo por saír á rúa e levarse algo ou alguén por diante medra noite tras noite. Aínda así, fica sentado. Que cachaza que ten, non? Non. É a súa loita interior, o instinto violento da propia defensa contra toda unha vida de boa persoa, mandadiño, confiado nos demais. E aínda confía nos demais, na inmensa maioría, no 99 % máis o u menos. Pero esoutro 1% que andan a fodela sen límite… O seu aguzado oído percibe outro ouveo, afastado pero nidio. E logo outro. E máis outro, máis preto.

Agora sí que se puxo en pé. É dicir, a catro patas. Os lobos, sabido é, van en mandas.

(Ilustración collida de por aí, que aínda non apareceu o Mesturador-e mesmo Axitador-de Imaxes)

 

Categorías: bestiario