Bestiario (0)

Violar leis e mulleres, españolizar pequenos cataláns, quieto calado todo deus que sube a prima de risco… non, non se trata de rebotar fronte ás declaracións máis ou menos bestiais que solta decote o fantoche de turno, fantoche laranxa, fantoche limón, non. Trátase máis ben de, no ronsel dos clásicos bestiarios, facer catálogo non sistemático de bechos varios.

De cales? Da fauna típica do capitalismo. Salvaxe, claro, falamos de bestas. Listado de vítimas e verdugos que hai pouco semellaban lonxe de aquí, polo menos as primeiras. Pero agora témolas ao noso carón. Ollos que ven, corazón que se doe. E será iso este Bestiario, pórlle rostro, palabras, ao que vivín estes últimos anos, ao que nunca quixen saber de economía e nin se me ocorrera preguntar, ao que empezou cando escoitei na mesma frase as palabras FMI, intervención, España, ao que fai que arestora máis da cuarta parte dos nenos españois vivan baixo o limiar da pobreza.

Para encetar esta sección, pregando que se me pegue algo da súa forza, invoco a esa película inmensa: El día de la Bestia. Corría o ano 1995 e nunha sala de cine aplaudín, creo que por primeira e única vez na miña vida, diante do plano no que Alex de la Iglesia amosaba o sinal do Anticristo que por fin os tres protagonistas -xa míticos- atopaban tras frenética procura. Un sinal fachendosamente materializado nas torres KIO. Porta de Europa. Sede, máis adiante, de Bankia.

Nada máis lonxe da ficción, logo.