Literatura e ciencia (II)

No espazo Xuntanza de escritoras de Baia Edicións publicaron outro artigo meu da serie Literatura e ciencia.

Hai moitos anos –vintecinco xa- mentres facía algo que daquela me encantaba e que xa practicamente non fago nunca -remexer nos andeis dunha libraría- atopei un libro que abriu para min un filón inesgotable. Non só polo exemplar en si, senón pola colección á que pertencía e o que ela representou.

Aínda o teño comigo: Controversia sobre mentes y máquinas, da editorial Tusquets. Colección Metatemas, dirixida por Jorge Wagensberg. Contén unha escolma de ensaios sobre Intelixencia Artificial de senlleiros autores –Turing entre eles, o primeiriño- cos que eu alimentaría de aí en adiante un xeito diferente de facer preguntas sobre a nosa condición e natureza: o xeito cibernético, o enfoque do procesamento da información. Máis adiante engadiríalle á pescuda lecturas de sicoloxía cognitiva, lingüística e bioloxía, sen deixar nunca a omnipresente literatura, facendo ao meu xeito o percorrido que antes trazara un tal Brockman, do cal non tiña noticia aínda.

Pero volvamos ao libro Controversia sobre mentes y máquinas. Cuberta prateada, lixeiramente granulosa, e unhas 160 páxinas que me deron para roer semanas e para empezar a fornecer de estrutura ás matinacións sobre ese tema que revoaban había tempo pola miña cabeza. Algúns deses artigos lidos hoxe non soportan ben o paso do tempo, sobre todo polos avances efectuados en neurociencia, que propician outro enfoque non baseado na lóxica formal. Pero outros siguen suscitando preguntas non respostadas, e todos alentan no mesmo: preguntas esenciais sobre nós mesmos feitas dende o método de coñecemento científico.

En calquera caso, amais do libro, descubrira algo moito máis importante: a colección enteira, Metatemas. E con ela a constatación de que existía xente coma min que sen ser especialista nun área da ciencia quería entender na medida do posible o que nela se facía. E a descuberta de que había científicos de primeira liña –Schrödinger, Monod, Prigogine, esoutros que iría coñecendo- que puñan o seu traballo ao alcance de calquera que tivese unha formación básica e un interese verdadeiro en entender o que eles explicaban, os seus achados e as implicacións que tiñan.

Dei así co que axiña chamarían Terceira Cultura, síntese das clásicas Ciencias e Letras, especie de corpo calloso que une eses dous hemisferios en constante comunicación, por moito que teñan cadanseu lado no cráneo. Unha cultura interdisciplinar que busca achegas fóra do seu predio. En palabras de Brockman, que cuñou o termo: “A terceira cultura é unha nova filosofía natural, que desenvolve un novo conxunto de metáforas para describirmos a nós mesmos, as nosas mentes, o universo e todo o que sabemos del.”